María Casares regresará a Montevideo na pel de Melania Cruz
A capital uruguaia acollerá dúas representacións de 'Continente María' no mes de febreiro. O espectáculo volve a Latinoamérica logo da xira por Colombia realizada no mes de outubro.
‘Continente María‘ viaxa á capital do Uruguai este mes de febreiro, onde forma parte da programación de Temporada Alta. O festival, que celebra a súa 10ª edición, presenta unha mostra do mellor teatro iberoamericano. O espectáculo dirixido por Tito Asorey ofrecerá dúas funcións, os días 16 e 17 de febreiro, na sala Lazaroff de Montevideo.
Deste xeito, o legado de María Casares regresa ao Uruguai, onde a actriz galega actuou fai 67 anos nunha xira do Teatro Nacional Popular de París. Volve nesta ocasión na pel de Melania Cruz, quen conversa coa figura de María Casares e transita entre a súa persoa e a da gran dama do teatro francés.
Estas representacións en Montevideo continúan unha viaxe iniciada en 2022 na Coruña, cidade natal de María Casares, que a levou a percorrer os teatros galegos, representarse en París, formar parte da programación das Naves del Español en Matadero, viaxar por España e realizar unha intensa xira por Colombia presentándose nos festivais de Bogotá, Manizales e Medellín.
O país latinoamericano tamén é parte importante na xestación desta produción, nacida en plena pandemia mundial, xa que o texto é obra da dramaturga uruguaia Marianella Morena.
Acompañando a Melania sobre o escenario, o multiinstrumentista bielorruso Vadim Yukhnevich aporta a musicalidade a un espectáculo que non deixa de acumular eloxios por parte da crítica e o público.
A viaxe está apoiada pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia a través da súa liña de axudas á distribución, e polo Ministerio de Cultura, a través das liñas de axudas ao teatro e o circo do Inaem.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.



