‘Continente María’ triunfa no Festival Internacional Temporada Alta de Montevideo
O espectáculo dirixido por Tito Asorey e protagonizado por Melania Cruz e Vadim Yukhnevich esgotou as entradas e recibiu dúas ovacións no seu paso polo Uruguai.
María Casares volveu ao Uruguai case 70 antos despois da súa visita co Teatro Nacional de París. Desta volta fíxoo grazas a Melania Cruz, quen dialoga e interpreta á grande actriz en ‘Continente María’. O espectáculo forma parte da programación do Festival Internacional Temporada Alta. O festival, que celebra a súa 10ª edición, presenta unha mostra do mellor teatro iberoamericano, con 30 obras que se poderán ver en Montevideo ata o 3 de marzo.
O espectáculo dirixido por Tito Asorey ofreceu dúas funcións, os días 16 e 17 de febreiro, na sala Lazaroff de Montevideo, unha das sedes do Temporada Alta no Uruguai. Os dous pases da obra tiveron un cheo absoluto e a recepción por parte do público foi magnífica. A viaxe foi posible grazas á colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e do Ministerio de Cultura, a través das liñas de axudas ao teatro e o circo do Inaem.
A gran acollida do espectáculo
Desde a súa estrea no mes de marzo de 2022, ‘Continente María’ non para de percorrer teatros, levando a memoria de María Casares —e a nosa propia como pobo— por todo o mundo. Despois de xirar polas cidades e vilas galegas, o espectáculo viaxou a París, Manizales, Bogotá, Medellín, Valladolid, Madrid… recibindo grandes ovacións e moi boas críticas nas súas actuacións. Agora, fai unha pausa no camiño mais volverá con novas datas proximamente.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.



