‘Bibopalula · O Espectáculo’ despide en Vigo a súa xira de inverno
Despois de semanas levando música, teatro e natureza aos escenarios galegos, 'Bibopalula · O Espectáculo' pon fin ao seu percorrido cunha derradeira función en Vigo. A Banda do Bosque remata así unha tempada marcada polo encontro co público familiar durante o Nadal.
Este venres, 2 de xaneiro ás 17.30, o Teatro Afundación de Vigo acollerá a última función da xira de inverno de Bibopalula · O Espectáculo. Esta cita pecha un percorrido iniciado a finais de novembro e que levou a proposta por Pontevedra, Vilagarcía, Santiago e A Coruña, consolidándose como un dos plans culturais máis divertidos para familias con nenas e nenos durante as festas.
Pensado para público de entre 2 e 6 anos, o espectáculo convida ás pequenas e pequenos espectadores a acompañar a Ava, unha apaixonada observadora de aves, e á Banda do Bosque, Robin, Carpin, Pegui e Merli, nunha aventura chea de descubrimentos arredor da natureza, os cambios meteorolóxicos e a amizade. Unha experiencia escénica que combina teatro, música e xogo.
Con texto e dirección de Marta Lado, a obra continúa a expandir o universo da serie Bibopalula, sen deixar atrás personaxes recoñecibles como Pombo ou o propio Señor Moucho, e incorporando doce das súas cancións orixinais que axudan a trasladar á escena a identidade visual e narrativa da proposta e facer de cada espectáculo toda unha experiencia inmersiva e participativa.
Esta función en Vigo terá ademais un carácter especial para o equipo, xa que supón a derradeira vez nesta xira que Lidia Veiga dará vida a Ava sobre o escenario. Xunto a ela, Graciela Carlos, Cristina Andrade, Sara Ferro e Nerea Rodríguez interpretan aos paxaros da Banda do Bosque, transmitindo a maxia e a complicidade que definiron cada función desta tempada.
As entradas para a función do 2 de xaneiro en Vigo están dispoñibles a través da web oficial do espectáculo www.bibopalula.gal/espectaculo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



