‘Amoriños’ prepárase para unha primavera de amor sobre as táboas
Touriñán e Perdomo regresan aos escenarios con novas funcións de Amoriños, unha comedia sobre citas absurdas, improvisación e corazón. Esta primavera, os auditorios de Galicia acollerán encontros inesperados e moito humor.
Tras o éxito da súa primeira xira, Amoriños iniciará no mes de marzo unha nova xira que percorrerá o país durante tres meses. O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo combina citas absurdas, improvisación constante e emoción, nunha comedia na que cada función é única e o público remata por converterse en parte fundamental do xogo.
Durante a primavera, Amoriños pasará por Vilagarcía, Santiago, Ponteareas, Lugo, Vilalba, Cee, Vigo, Narón, Ourense, Pontevedra e A Coruña. De momento, as entradas xa están dispoñibles para Ponteareas (10 de abril ás 20.30 no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo), Lugo (18 de abril ás 21.00 no Auditorio Fuxan os Ventos), Vilalba (1 de maio ás 21.00 no Auditorio Municipal Carmen Estévez), Cee (8 de maio ás 20.30 na Casa da Cultura), Vigo (9 de maio ás 21.00 no Teatro Afundación) e Pontevedra (30 de maio ás 21.00 no Auditorio Sede Afundación). O resto de funcións abriranse progresivamente, ofrecendo novas oportunidades para reencontrarse co dúo e as súas historias sobre o amor máis caótico.
O amor, esa parella perigosa
En Amoriños, Touriñán e Perdomo mergúllanse no territorio máis imprevisible de todos: o amor. Citas tolas, paixóns imposibles e personaxes que nunca deberían xuntarse… pero xúntanse igual. Un First Dates á galega no que conviven o humor salvaxe, a improvisación e unha dose inesperada de emoción.
Cada función é distinta á anterior. O xogo co público, a liberdade escénica e a química entre os dous intérpretes fan que Amoriños se constrúa no momento, convertendo cada encontro nunha experiencia única e irrepetible.
Con textos e dirección asinados polos propios protagonistas, o espectáculo conta co asesoramento de dirección de Noemí Rodríguez e coa dirección de produción de Laura Canto, ademais do equipo técnico habitual das producións de Ainé. Un traballo que sostén unha proposta áxil, directa e profundamente conectada co público.
Amoriños volve para seguir explorando, desde o humor e a escena, iso que nos une (ou nos separa): o amor. As entradas para Ponteareas, Lugo, Vilalba, Cee, Vigo e Pontevedra xa están á venda en amorinos.info, mentres que as funcións en Vilagarcía, Santiago, Ribeira, Narón, Ourense e A Coruña estarán dispoñibles proximamente.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.



