Despedimos o 2025 celebrando un ano de cultura, proxectos e comunidade

Remata o 2025 e, con el, un ano intenso para Ainé. Escenarios, cheos, xiras e proxectos que medraron función tras función marcaron doce meses de actividade continuada.

Fotografía: Aigi Boga

Hai case unha década que en Ainé traballamos cunha idea clara: a cultura é un dereito colectivo e quen participa na creación ten a responsabilidade de facer propostas pensadas para a xente, para que queira ir ao teatro, rir, emocionarse e recoñecerse no que ve enriba dun escenario. O 2025 foi, nese sentido, un ano que reafirmou ese camiño, consolidando un modelo de traballo baseado na continuidade, na colaboración e na conexión co público.

Os espectáculos estiveron no centro de todo. Cada un desde a súa linguaxe, desde o seu público e desde o seu formato, pero todos coa vontade común de contribuír a un ecosistema cultural vivo, feito na nosa lingua e alimentado pola colaboración entre creadoras, intérpretes, técnicas, produtoras e programacións.

Un dos grandes fitos do ano foi a despedida de Somos Criminais e punto final. Sete anos despois da súa estrea, máis de 100.000 espectadores e tres espectáculos que xa forman parte da historia recente do teatro galego, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán puxeron peche a unha triloxía que demostrou que a comedia en galego pode ser masiva, popular e profundamente identitaria. A última xira, con numerosas funcións esgotadas, converteuse tamén nunha celebración colectiva dun xeito de entender o teatro como espazo de encontro.

Ao longo de 2025 tamén seguiron medrando propostas que apostan pola renovación dos formatos. Corentena · Game Over levou a escena galega a un territorio híbrido entre teatro e videoxogo, implicando directamente ao público e superando os 10.000 espectadores na súa primeira xira. Un exemplo de como a experimentación e o risco poden ir da man dun público amplo e diverso.

Nese mesmo camiño de conexión directa coa xente situouse Amoriños, unha proposta que naceu do encontro co público e que foi collendo forma función tras función, apoiándose na improvisación, no humor e na emoción compartida. O peche da súa primeira xira na Coruña, con catro funcións practicamente esgotadas, confirmou a forza dun espectáculo vivo, construído desde a escena e para a escena.

O ano estivo marcado tamén por proxectos máis persoais, como Aquí Tou!, o monólogo máis íntimo de Xosé A. Touriñán. Activo de abril a decembro, percorreu Galicia en varias xiras –primavera, outono e datas especiais, como o FIOT Carballo- enchendo auditorios e consolidando unha relación de fidelidade co público baseada na proximidade, na memoria compartida e na cultura popular galega como fío condutor.

A creación en galego tamén foi protagonista nos públicos máis novos. Bibopalula · O Espectáculo converteuse no primeiro gran musical infantil producido por Ainé, unha proposta de gran formato pensada para o público máis cativo. A súa estrea e xira de verán, seguida dunha nova tempada de inverno, demostraron a importancia de ofrecer contidos culturais de calidade na nosa lingua desde a infancia, entendendo o teatro como espazo de descubrimento, xogo e aprendizaxe compartida en familia.

Xunto aos espectáculos que subiron ás táboas, o 2025 foi tamén un ano de sementar futuro. A posta en marcha de proxectos como Territorio Regueifa, que verá a luz o vindeiro ano, reafirma a aposta pola transmisión da cultura oral galega, polo humor como ferramenta de aprendizaxe e pola conexión entre tradición e presente.

Houbo espazo, ademais, para a música, con proxectos como Lamatumbá e a súa reinvención en Botando Leña, e para propostas escénicas como Continente María, que seguiu levando o legado de María Casares a distintos escenarios. Sen esquecer outras colaboracións, accións solidarias e participacións audiovisuais que forman parte dun mesmo tecido cultural interconectado.

Ás persoas que crean, ás que producen, ás que programan, ás que confían, ás que colaboran e, especialmente, ao público que segue apostando pola cultura feita aquí e en galego: grazas. O 2025 despídese cunha certeza compartida: mentres o apoio sexa mutuo e a creación sexa colectiva, o mundo do espectáculo continuará a medrar.

Entrada anterior
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Chisteria Colectiva’ no Encontro Mundial do Humorismo
Artigo seguinte
‘Bibopalula · O Espectáculo’ despide en Vigo a súa xira de inverno

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Despedimos o 2025 celebrando un ano de cultura, proxectos e comunidade
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.