‘Somos Criminais 3’ e ‘Códice K’ dispoñibles na plataforma AGalega
O programa 'Fila 1. Butaca G', producido por Tamboura para a TVG, ofrece oito espectáculos teatrais para achegar as artes escénicas aos fogares.
Xa están dispoñibles os primeiros capítulos de Fila 1. Butaca G, o novo proxecto audiovisual da Televisión de Galicia (TVG) que achega o teatro galego aos fogares de toda a comunidade. Este programa, producido por Tamboura, ofrece unha selección de oito espectáculos teatrais gravados no auditorio do Grove, combinando o teatro en directo coa difusión televisiva. Unha das características principais é a presenza de público nas representacións e a participación de artistas invitados que presentan cada episodio.
Entre as obras que forman parte deste proxecto están os espectáculos Somos Criminais 3 e Códice K, ambas producidas por Ainé e dirixidas por Tito Asorey. A comedia Somos Criminais 3 está protagonizada por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, mentres que Códice K presenta un texto de Manuel Cortés e conta cun elenco de actrices formado por Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón, ademais da música en directo de Russ.
Asemade, tamén podemos ver obras como Puede ser mi gran noche de Teatro en Vilo, presentada por Xosé Antonio Touriñán, que ofrece a súa particular introdución á obra cun ton humorístico. Outras compañías e artistas que tamén forman parte do programa son Cultura Activa co seu espectáculo Saaabor!, Luis Zahera co seu monólogo Chungo, Talía Teatro con Unha inimiga do pobo, Rebordelos con Amantis e Malasombra Producións con DEP, unha comedia de morte.
O obxectivo principal deste proxecto da TVG é poñer en valor o traballo realizado polas compañías galegas, os seus actores e actrices, ofrecendo unha plataforma para que o teatro chegue a todos os fogares. A través deste formato innovador, preténdese darlle máis visibilidade ás artes escénicas ao tempo que se recoñece o talento de directores como Cándido Pazó ou Tito Asorey, que participan en varias das obras.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



