Novas funcións á venda de ‘Somos Criminais e punto final’
A xira do espectáculo de Carlos Blanco e Touriñán amplía os seus pases en Vilagarcía, Vigo e Narón. A gran demanda de entradas xa motivara a apertura de novas funcións en Lugo, Santiago e A Coruña. A xira comeza o venres día 1 no Auditorio de Galicia.
Este venres 1 de novembro, o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela acollerá a estrea de ‘Somos Criminais e punto final’, a última entrega da serie de espectáculos protagonizados por Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán. A nova proposta, dirixida por Tito Asorey e con textos de José L. Prieto, leva aos espectadores nunha travesía cara a outro planeta, onde os cómicos, a bordo dunha nave espacial, embárcanse na misión de preservar o patrimonio cultural galego recreando con humor unha Galicia “criminal”.
Tras a súa estrea en Santiago, a obra continuará a súa xira por Galicia e a forte demanda de entradas levou á apertura de novas funcións en varias localidades. Na cidade picheleira case se esgotaron as entradas para os días 1 e 2 de novembro.
En Vilagarcía de Arousa, o espectáculo estará en cartel o 8 e 9 de novembro, cun total de catro actuacións, aínda que só restan entradas para a do día 8 ás 23.00 horas. Lugo, pola súa banda, acollerá dúas funcións o 29 de novembro. A xira tamén fará unha parada en Cangas o 16 de decembro, mais apenas quedan localidades para as dúas representacións que se farán no municipio pontevedrés.
En Vigo tamén se abriu un novo pase o día 21 de decembro ás 18.00 horas. O espectáculo poderá desfrutarse o 20 e o 21 con tres representacións no Teatro Afundación. Así mesmo, no Pazo da Cultura de Narón ampliouse unha nova función o día 17 de xaneiro, concello no que os cómicos estarán dous días.
Somos Criminais e punto final tamén espertou gran interese na Coruña, esgotando xa seis funcións. Para responder á elevada demanda, abríronse outros dous pases que permitirán ao público asistir ao espectáculo entre o 27 e o 30 de decembro, con dúas funcións diarias en cada xornada. Quedan entradas dispoñibles para o día 30 ás 23.00h e tamén para as dúas do 27 de decembro.
Consulta todas as datas e merca as túas entradas en somoscriminais.gal e na plataforma Ataquilla.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán celebra o día dos namorados cunha función do seu monólogo en Madrid
Este sábado, Xosé A. Touriñán regresa ao Teatro Arlequín de Madrid cunha nova función do seu monólogo, dentro dunha xira estatal que percorrerá distintas cidades máis alá das nosas fronteiras.
‘Territorio Regueifa’ presentouse onte en Carballo como un soño que chega ao escenario
A estrea absoluta de ‘Territorio Regueifa’, este venres 6 de febreiro no Pazo da Cultura de Carballo, foi presentada nunha rolda de prensa que puxo o foco na importancia de levar a regueifa ao teatro e de reivindicala como arte viva.
‘Amoriños’ amplía a súa xira de primavera con novas funcións en Verín e Ribadeo
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo continúa medrando sobre as táboas e suma dúas novas paradas á súa xira de primavera.



