Touriñán e Javier Veiga protagonizarán na Coruña un espectáculo solidario
Os cómicos actuarán no Teatro Colón o próximo xoves, a partir das 20.00 horas, nun evento cuxos beneficios irán destinados á Asociación Ecos do Sur, que traballa na defensa dos dereitos da persoas migrantes, en risco de exclusión e das mulleres en especial situación de vulnerabilidade.
A comedia volve ao Teatro Colón co comezo do ano. Xosé A. Touriñán e Javier Veiga abrirán a temporada de espectáculos de humor na Coruña cos seus monólogos nun evento solidario en favor da asociación Ecos do Sur. Será este próximo xoves, 16 de xaneiro, a partir das 20.00 horas. As entradas, cun prezo único de 10 euros, pódense adquirir en Ataquilla.com deste este sábado ás 11.00 da mañá.
Será a volta de Touriñán ao teatro coruñés dúas semanas despois de que batera, xunto con Carlos Blanco, todos os records de público co espectáculo Somos Criminais e punto final, do que se celebraron ata oito pases en catro días. Nesta ocasión estará acompañado do actor e humorista grovense Javier Veiga, con que ten participado en distintos proxectos ao longo dos últimos anos como Unha noite na praia ou Amigos ata a morte.
Touriñán e Veiga ofrecerán ao público do Teatro Colón un espectáculo de monólogos nunha tarde de comedia con fins solidarios: os beneficios do espectáculo estarán destinados á asociación Ecos do Sur, que traballa desde 1991 pola igualdade, as oportunidades e a participación de colectivos vulnerables, e da que Ainé recibiu o pasado ano o selo “Empresa con alma Ecos do Sur”.
O traballo de Ecos do Sur
A asociación traballa co apoio das súas asociadas e asociados, donantes e institucións no deseño de solucións que buscan rematar coas desigualdades vinculadas á orixe, a pobreza ou o xénero. O seu propósito é que todas as persoas poidan achegar o seu talento nun país máis próspero, máis xusto e orgulloso da súa diversidade. Defenden os dereitos das persoas migrantes, en risco de exclusión, e de mulleres en especial vulnerabilidade.
Na súa páxina web é posible coñecer máis detalles sobre o seu labor, que desenvolven desde hai máis de tres décadas desde A Coruña, cunha perspectiva tanto local como global.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.



