Éxito histórico na Coruña de ‘Somos Criminais’
Touriñán e Carlos Blanco enchen 8 funcións seguidas no Teatro Colón, éxito que consegue por primeira vez un espectáculo en galego. 'Somos Criminais e punto final' vendeu 6.500 entradas para estes últimos días do ano, o que fai un total de 26.500 espectadores na Coruña dos espectáculos de 'Somos Criminais'.
No mes de outubro, Carlos Blanco e Touriñán lanzaban Somos Criminais e punto final, terceiro espectáculo dun proxecto que naceu no 2018 e que non para de rachar récords. O último deles chega neste final de ano onde os dous cómicos conseguiron o que ningún espectáculo en galego fixera antes: vender todas as entradas para oito funcións consecutivas no Teatro Colón da Coruña. Serán dúas funcións diarias desde hoxe, 27 de decembro, ata o 30. Unha forma inmellorable de pechar o ano e afrontar as últimas funcións da xira en Pontevedra e Narón, xira na que superarán os 25.000 espectadores totais.
Nun acto celebrado no teatro coruñés, Touriñán expresou a súa satisfacción co proxecto e a gran resposta de público e comentou coa prensa que “impresiona moito ver a reacción do público coruñés, pero é máis doado traballar nos teatros cheos que con eles a medio gas, é como xogar en Riazor nos días grandes, a quen non lle vai gustar iso?”. E é que sumando todas as funcións realizadas na Coruña dos tres espectáculos de Somos Criminais, un total de 25.600 persoas desfrutaron da comedia de Carlos e Touri. Carlos Blanco comentaba entre risas que aínda que semella a última vez que consiguen isto, el aspira a ser como “esas avoas que no Nadal din que vai ser o último pero acaban durando 15 máis”.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acudiu ao Colón para celebrar este éxito do teatro galego e mostrouse satisfeita porque aínda que “A Coruña sempre responde, había anos que non respondía tantísimo”.
O inicio do ano, o espectáculo, dirixido por Tito Asorey, estará o 11 e 12 de xaneiro en Pontevedra e o 17, 18 e 19 pechará a xira en Narón, con case todas as entradas esgotadas.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



