Gran éxito de ‘O último home’ na súa estrea en Vigo
A Sala Ártika encheuse o sábado e o domingo para a estrea do espectáculo de Manuel Cortés. Dirixida por Borja Fernández e coa música en directo Russ, 'O último home' é unha proposta escénica que volve a poñer de actualidade o "happening" e a poesía como ferramenta teatral. Nas próximas semanas lanzaremos as datas da xira de presentación.
A humanidade está a piques de desaparecer. Non por un meteorito nin por unha invasión extraterrestre, senón pola propia acción do ser humano. Un home é consciente disto e de que vai ser el, precisamente por ser consciente, o último home sobre a Terra. Esta é a premisa sobre a que xira a primeira estrea do ano: O último home, “unha comedia teatral a modo de recital poético, unha comedia poética” en palabras do seu creador.
Nun momento no que a poesía en directo está a coller novos azos, Manuel Cortés revisita o teatro poético cun espectáculo no que mestura a súa capacidade actoral cunha forma de compoñer áceda, lírica e cómica a partes iguais.
A Sala Ártika esgotou as localidades para a fin de semana da súa estrea. O espazo vigués acollera durante este mes unha residencia artística onde Borja Fernández, director do espectáculo, acabou de dar forma á peza xunto co resto do equipo.
Sobre o escenario, Manuel Cortés está acompañado da dj e produtora Russ e conta co apoio dos audiovisuais de Samuel Cortés. O espazo escénico é obra de Carlos Alonso, o deseño de iluminación de Laura Iturralde e o vestiario de Elena Cortés.
O último home contou coa axuda da Xunta de Galicia a través da Agadic para a súa produción.
Unha comedia poética
Nas próximas semanas lanzaremos as datas da xira de presentación do espectáculo. Mentres, podes ir botándolle unha ollada ao teaser de O último home.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



