‘Territorio Regueifa’ encara a súa estrea en Carballo
Despois de meses de espera, ‘Territorio Regueifa’ retoma o seu camiño e prepara o seu primeiro encontro co público. O 6 de febreiro, a improvisación oral chegará ás táboas do Pazo da Cultura de Carballo.
Queda menos dun mes para que Territorio Regueifa vexa por fin a luz sobre o escenario. O espectáculo abrirá mañá, xoves 22 de xaneiro ás 10.00, a venda de entradas para a súa estrea absoluta, que terá lugar o venres 6 de febreiro no Pazo da Cultura de Carballo. As entradas estarán dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com.
A proposta, dirixida por José L. Prieto, inicia así unha nova etapa despois dun camiño marcado pola espera e pola resistencia. A estrea prevista no pasado mes de outubro tivo que ser cancelada por unha baixa médica imprevista, o que obrigou a adiar o primeiro encontro co público apenas uns días antes da función.
Mentres tanto, Territorio Regueifa mantívose vivo a través dunha presentación especial no Culturgal 2025, onde Manolo Maseda, Josinho da Teixeira e Lupe Blanco ofreceron unha pequena mostra do espectáculo e anunciaron a nova data de estrea. Aquel momento, serviu como punto de relanzamento dun proxecto que agora retoma por fin o seu camiño escénico e abre a conta atrás para un reencontro moi agardado coa regueifa no escenario.
Improvisación, humor e palabra
O elenco está formado por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, tres voces recoñecidas da regueifa contemporánea, que levan á escena unha tradición viva, en constante transformación e moi ligada á identidade cultural galega.
Territorio Regueifa é un espectáculo de teatro, humor, música e improvisación no que dous regueifeiros e unha regueifeira introducen o público na arte da regueifa, nas súas orixes, na súa evolución e na súa vixencia na actualidade. A proposta combina divulgación, escenas teatrais e participación directa, facendo do público unha parte activa da experiencia e ofrecéndolle unha pequena iniciación á improvisación oral cantada.
O espectáculo recrea distintas situacións escénicas arredor da palabra improvisada: desde a primeira regueifa da historia ata a incorporación da muller ao mundo da disputa rimada, pasando por xogos co presente e coa linguaxe. O percorrido constrúe unha viaxe pola tradición oral galega que remata nunha gran festa musical, convertindo o espazo nunha celebración colectiva.
Coproducida polo FIOT Carballo, Ainé e o Centro Dramático Galego, a estrea en Carballo marcará o inicio dunha xira que continuará por distintos puntos de Galicia nos vindeiros meses. Próximamente anunciaranse novas datas e funcións.
A información completa sobre o calendario irá actualizándose na web do espectáculo: territorioregueifa.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



