Xosé A. Touriñán súmase a ‘Mentes Peligrosas’ este sábado en Vigo
O humorista formará parte mañá sábado, 24 de xaneiro, do elenco de Mentes Peligrosas en Vigo. Dúas funcións no Auditorio Mar de Vigo reunirán algunhas das voces máis recoñecidas da comedia estatal nunha auténtica festa da risa.
Mañá, sábado 24 de xaneiro, Xosé A. Touriñán súmase a Álex Clavero, Ana Morgade e David Cepo no espectáculo Mentes Peligrosas, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo con dúas funcións programadas ás 18.30 e ás 21.00.
A presenza de Touriñán nesta cita suma un novo fito á súa intensa actividade escénica deste inicio de ano, formando parte dun dos formatos de comedia máis consolidados do panorama estatal. Mentes Peligrosas funciona como unha gran reunión de ‘antigos alumnos’ da comedia, na que distintas xeracións de humoristas comparten escenario nun espectáculo baseado no monólogo e no xogo conxunto.
O espectáculo preséntase como unha festa da risa na que cada intérprete achega a súa voz propia, o seu estilo e o seu universo persoal. Humor sobre o cotián, sobre o paso do tempo, as relacións, as contradicións e as pequenas miserias da vida diaria constrúen unha proposta pensada para un público amplo e interxeracional.
No caso de Touriñán, esta participación encaixa nun momento especialmente activo da súa carreira. Ademais da xira do seu monólogo e da próxima primavera de Amoriños, o actor e humorista continúa ampliando a súa presenza en escenarios estatais, levando o seu humor máis alá de Galicia e compartindo cartel con algunhas das figuras máis populares da comedia española.
Tras as funcións de Vigo, Mentes Peligrosas continuará a súa xira con novas datas, entre elas a parada prevista en Santiago o vindeiro 21 de febreiro, aínda que as entradas tanto para ambas as funcións xa están esgotadas. Promete ser unha celebración do humor, un encontro único entre cómicos e público no que as risas encherán a tarde viguesa.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.



