‘Fariña’ representarase no Teatro Tívoli de Barcelona entre o 18 ao 23 de maio
O espectáculo poñerá o punto e final a cinco meses de funcións ininterrompidas no Teatro Alcázar de Madrid, para rematar a temporada na capital catalá. O Teatre Tívoli acollerá as representacións, para as que as entradas están xa á venda.

Fariña rematará a temporada de teatro en Catalunya. O Teatre Tívoli de Barcelona recibirá a adaptación para as táboas da obra de Nacho Carretero, dirixida por Tito Asorey, con polo menos cinco funcións previstas entre o 18 e o 23 de maio. Será a segunda cidade á que chegará o espectáculo fóra de Galicia, logo de dúas exitosas estancias en Madrid –en setembro, nas Naves del Español, e entre decembro e maio, no Teatro Alcázar-.
Xosé A. Touriñán, Sergio Zearreta, María Vázquez, Melania Cruz, Cris Iglesias, Marcos Pereiro e Borja Fernández levarán á capital catalá a historia do narcotráfico en Galicia desde a última década dos anos oitenta, que tan boas críticas ten recollido nos últimos meses.
As entradas están xa á venda, a través de www.grupbalana.com, con promocións especiais activas na fin de semana de Sant Jordi para as funcións do martes 18 e o mércores 19 de maio.
O espectáculo xa supera os 40.000 espectadores
Ás máis de 20.000 persoas que pasaron polos teatros galegos na primeira xira do espectáculo, entre novembro do 2019 e xaneiro do 2020, sumáronse despois preto de 6.000 espectadores entre setembro e outubro, nas Naves del Español, e case 17.000 durante estes últimos meses no Teatro Alcázar.
A obra producida por Nacho Carretero e Xosé A. Touriñán é xa unha das producións teatrais galegas máis exitosas da última década, facendo coincidir a medios de comunicación, crítica e público á hora de valorar de xeito excepcional o traballo tanto de dirección, como de deseño do espazo escénico, de iluminación e actoral. Mesmo a Asociación de Directores de Escena de España premiou o pasado mes a Laura Iturralde, deseñadora de iluminación do espectáculo, nun certame no que Tito Asorey foi tamén finalista.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Mentes Peligrosas’ este sábado en Vigo
Xosé A. Touriñán participará este sábado en Vigo en ‘Mentes Peligrosas’, un dos espectáculos de comedia máis exitosos do Estado, cun dobre pase no Auditorio Mar de Vigo.
‘Territorio Regueifa’ encara a súa estrea en Carballo
O espectáculo dirixido por José L. Prieto abrirá mañá a venda de entradas e estrearase o 6 de febreiro en Carballo, iniciando así unha nova etapa.
‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo suma novas paradas na súa xira de primavera, incluíndo no percorrido a Vilagarcía, Santiago, Ourense, Cee e Narón.


