‘Fariña’ chega esta fin de semana a Barcelona
O espectáculo rematará a temporada na capital catalá logo do seu exitoso paso por Madrid, onde acumulou máis de 26.000 espectadores nas funcións que tiveron lugar nas Naves del Español e no Teatro Cofidis Alcázar.

Fariña no Teatre Tívoli
Logo de case seis meses en Madrid, Fariña estará esta fin de semana en Barcelona para rematar a temporada. O Teatre Tívoli acollerá tres únicas funcións do 21 ao 23 de maio da adaptación ao teatro do libro de Nacho Carretero.
O elenco de actores dirixidos por Tito Asorey levará á capital catalá a historia do narcotráfico en Galicia desde a última década dos anos oitenta. Unha ollada única sobre a nosa historia a través dun espectáculo vibrante que atrapa ao espectador desde o primeiro momento. Case todos os estados de ánimo teñen cabida nesta obra. Os acontecementos e os personaxes sucédense a grande velocidade, pasando da euforia aos remorsos e da comedia ao drama. Unha posta en escea que invita ao espectador á festa, pero tamén á reflexión sobre a historia recente do noso país, do que fomos e do que seguimos sendo.
As entradas están á venda na web www.grupbalana.com.
Un espectáculo que acumula 46.000 espectadores
Ás máis de 20.000 persoas que pasaron polos teatros galegos na primeira xira do espectáculo, entre novembro do 2019 e xaneiro do 2020, engadíronse logo preto de 6.000 espectadores entre setembro e outubro, nas Naves del Español, e ao redor de 20.000 nas funcións do Teatro Alcázar de Madrid que remataron este mes de maio.
A obra producida por Nacho Carretero e Xosé A. Touriñán é unha das producións teatrais galegas máis exitosas da última década. O recoñecemento por parte crítica, público e medios de comunicación está facendo que, a pesar das limitacións na capacidade dos teatros para acoller público, Fariña siga esgotando as entradas en case todas as funcións e continúe colleitando grandes críticas na prensa e na crítica especializada.
NOTICIAS RELACIONADAS
O concerto de Bibopalula
As cancións da serie musical en galego Bibopalula chegarán ao escenario da man de Isabel Garrido (voz), que interpretará os temas da súa banda sonora xunto a Luis Lago (piano), Graciela Carlos (batería) e Pedro Placer (guitarra), nun espectáculo pensado para gozar en familia.
Xosé A. Touriñán presenta ‘Moi Animal’, o seu novo monólogo
O humorista estrea unha nova proposta escénica arredor da nosa relación cos animais e das contradicións da especie humana. A xira comezará en outubro e percorrerá once localidades galegas.
Moi Animal
‘Moi Animal’ é o novo monólogo de Xosé A. Touriñán. A partires de outubro, percorrerá Galicia reflexionando sobre a nosa peculiar relación co resto das especies.


