‘Fariña’ obtén cinco candidaturas nos Premios Max das Artes Escénicas
Os Premios Max das Artes Escénicas deron a coñecer hoxe as candidaturas seleccionadas para a edición deste 2021. Fariña resultou seleccionada en 5 das 20 candidaturas dos premios, que este ano celebrarán a súa 24ª edición.

Foto de Rosiña Rojo | MIT Ribadavia
5 candidaturas para Fariña
Ademais de optar ao premio a Mellor Espectáculo Teatral, Fariña obtivo outras catro candidaturas. José Luis Prieto e Nacho Carretero son candidatos ao Premio á Mellor Adaptación ou Versión Teatral polo seu magnífico labor adaptando ás táboas o ensaio xornalístico de Carretero. Tito Asorey é candidato á Mellor Dirección de Escena e María Vázquez obta ao Premio a Mellor Actriz. Ainé somos, así mesmo, candidatos na categoría de Mellor Labor de Produción.
Nesta primeira fase de selección, os xurados territoriais designados polo Comité Organizador seleccionaron 191 espectáculos dos 438 aceptados na fase inicial. As obras e profesionais finalistas serán elixidas polos presidentes dos xurados territoriais, catro personalidades do mundo das Artes Escénicas e un integrante do Comité Organizador.
Estas candidaturas veñen a refrendar o gran traballo que fixo todo o equipo técnico e artístico ao longo destes meses tan complicados. Fariña leva colleitando grandes críticas e atraendo ao público aos teatros dende o día da súa estrea. O pasado 24 de maio puxo punto e seguido nesta xira no Teatre Tívoli en Barcelona.
24 anos de Premios Max
Os Premios Max están organizados pola Fundación SGAE e recoñecen o labor no ámbito das Artes Escénicas. Este ano entregaranse o 4 de outubro nunha gala que se vai celebrar no Teatro Arriaga de Bilbao.
Ademais dos 20 premios a concurso, os Max contan con tres premios especiais. O Premio Max Afeccionado ou de carácter Social, que recoñeceu o labor de la compañía amateur Teatro Estudio de San Sebastián, o Premio de Honra, que aínda non foi desvelado e o Premio Max do público. Este último concederase ao espectáculo que máis votos obteña a través da aplicación online #VotaMax.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.


