A adaptación teatral de Fariña remata o ano preto dos 20.000 espectadores
O espectáculo dirixido por Tito Asorey supera o ecuador da súa primeira xira cun sensacional éxito de público e crítica, ao nivel do acadado antes pola obra de Nacho Carretero e a serie.

“Algún día pode que apareza alguén e diga que isto xamais sucedeu”. É do primeiro que escoita o espectador de Fariña no teatro, e resultou ser unha oportuna reflexión sobre a exitosa experiencia ideada por Xosé A. Touriñán e Nacho Carretero nun restaurante de Madrid, como o autor da Fariña literaria explica no programa de man do espectáculo.
As testemuñas de que o que acontece sobre o escenario é absolutamente certo súmanse por milleiros cada fin de semana, permitindo a Fariña, o espectáculo teatral, achegarse aos 20.000 espectadores en menos de dous meses de xira por toda Galicia. Un público entregado que, como pretendía Tito Asorey, sae do teatro coa necesidade de facer unha reflexión, máis ou menos complexa, sobre por que pasou o que pasou na Galicia dos oitenta e os noventa.
Unha reflexión que suxería Mar Mato na súa crítica do pasado 18 de novembro, no Faro de Vigo: “Fagan por ver ‘Fariña’; é un anaco da nosa historia e presente, reflexionen. Quizais lles mude o xeito de ollar.”
“La noche del estreno el público decretó un gran éxito para un espectáculo que era arriesgado de partida, y que tiene los ingredientes necesarios para ser la propuesta teatral del año en Galicia”, escribía Hugo Álvarez no blog de crítica teatral ‘Butaca en anfiteatro’.
O éxito de crítica acompaña ao éxito de taquilla: o mellor que pode pasarlle a un espectáculo que aspira incluso a sair de Galicia e percorrer teatros do resto da Península. “Narrar esta historia desde as táboas -unha das máis apaixoantes e relevantes das últimas décadas en España-, achega algo novidoso e único”, asegura Nacho Carretero.

A música en directo, un moi valorado deseño do espazo escénico, ou os coidados xiros que cambian o estado de ánimo do espectador dun momento a outro son algúns dos grandes meritos de Fariña para o público, ademais do traballo interpretativo do elenco formado por Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cris Iglesias.
As referencias e entrevistas coas actrices e actores e o director na prensa galega cóntanse por decenas, e en todas as cidades que ata agora visitou o espectáculo programáronse ao menos dúas funcións. A nova web do espectáculo, www.farina.gal, recolle todo o que aconteceu e acontece ao redor doutro fenómeno cultural froito das páxinas do libro de Carretero.
Vilagarcía, Ourense e Cangas son as próximas citas, xa no 2020, cando Fariña seguirá dando que falar.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.


