Resumimos o ano que rematou. No 2019 percorremos Galicia cos compromisos de sempre máis vivos que nunca: cultura na nosa lingua, de escenario en escenario. A polo 2020!
Polo que sexa -e todo apunta ao incondicional amor por este traballo-, vemos escenarios en todas partes. O 2019 que rematou insistiu en confirmalo, e as testemuñas gráficas, xunto con outras nas redes sociais, non minten.
Por se unha declaración de amor ao teatro pola nosa parte fora demasiado para algúns, permitímonos no comezo do novo ano declararnos aos teatros. Porque é certo, se cadra non sempre subimos aos escenarios no 2019 para facer teatro, pero tampouco outros levaron o teatro, ou unha das súas esencias, a oralidade, a outros escenarios. E nós si.
Convencidos de que o tandem Carlos Blanco – Xosé A. Touriñán tiña percorrido e percorrido, xuntámonos con eles e con Javier Veiga para levar ás taboas Unha noite na praia. Unha comedia do director, actor e escritor do Grove que encheu os principais teatros do país pola primavera.
Pero xa antes, no frío inverno, comezara a ruta. Rematamos en xaneiro a xira de Somos Criminais ao tempo que pechabamos unha nova edición dos Monólogos R, con David Amor e Oswaldo Digón. Estivemos con Touriñán na Gala da Asociación dos Medios de Comunicación en Galego, no Entroido de Ourense e na Festa do Lacón con Grelos de Cuntis. Con Fede visitamos Bande e Pías, e tamén fomos a Arteixo con Marcos Pereiro, e a Redondela e a Porto do Son con Oswaldo, onde tamén estivemos con Sergio Pazos e co propio Federico Pérez.
Co equipo de Tex45 Producións continuamos a experiencia do teatro na televisión e a televisión no teatro, na segunda e na terceira temporada de Malo será! Acompañáronos Federico Pérez, Marcos Pereiro, Oswaldo Digón e Touriñán na aventura, ademais doutras actrices e actores aos que seguimos admirando.
Levamos a arte feita comedia a Oleiros con Coleccionistas. Estivemos con Isi en Santa Comba, con Touri en Boiro e en Padrón, con Pepo Suevos en Cervo, Muros, A Coruña e Redondela, con Oswaldo na Coruña, e acompañamos a Marcos Pereiro ao seu nomeamento como embaixador do Melindre en Melide. Fomos ao Festiletras do Couto, por suposto!
Comezamos a preparar Nun cuarto da rotonda, o novo proxecto teatral de Evaristo Calvo, Federico Pérez e Santi Romay que estrearíamos en Ribadavia no mes de xullo. Antes, acompañamos a Touriñán na presentación da Gala do Ribeiro, e fomos con Marcos e Fede, co seu espectáculo Os Tristes, ata Corzón.
E polo verán chamáronnos máis amigos, os Zopilote, para a segunda temporada de Os Mariachi, que gravamos en pleno verán co noso equipo de produción ao completo entregado á causa.
Chegou agosto, e por esas datas fomos con Marcos Pereiro a Dumbría e a Toubes, con Oswaldo a Zas e Portomarín, con Fede a Vilanova de Arousa, e con Touri á Arnoia. Fixemos unha función moi especial de Unha noite na praia na Illa de Arousa, e volvemos para dedicarnos en corpo e alma ao Castelo Conta.
E entón atopamos eses outros escenarios: as eiras das veciñas e dos veciños. Foi alí onde os maiores falaron, os cómicos actuaron, os cantantes cantaron, e todas e todos xuntos fixemos posible a semana máis fermosa do ano. As cativas e os cativos percorreron o monte, gravaron unha curta con Óscar Cruz e Jorge Boquete, cociñaron, deseñaron decorados… Xabier Díaz fixo bailar a centos de persoas nunha noite de verán inesquecible, as actrices e os actores máis coñecidos deste país subiron ao escenario para xogar a ser grandes cantantes, e o sábado chegaron as contadas, e os monólogos da noite, e Castelo volveu contar.
Emocionados co resultado, procuramos permanecer alerta en setembro: comezaban os ensaios de Fariña, un dos grandes proxectos destes cinco anos de vida, con Xosé A. Touriñán e con Nacho Carretero de socios e amigos.
Mentres todo collía forma nos ensaios na Coruña e en Ordes, fomos a Ponteareas, a Oza e a Trazo con Os Tristes, con Isi a Begonte, Muxía e Negreira, con David Perdomo a Fene e Cee, con Oswaldo a Santa Comba, con Marcos a Camariñas, Pontevedra, Ourense e Vigo, e con Fede a Carballo.
E estreamos Fariña. Con catro funcións nun Teatro Colón que, tamén por catro veces, rematou en pé agradecendo o traballo dun equipo, capitaneado por Tito Asorey, volcado para o éxito dun espectáculo memorable.
Ao ano quedábanlle os últimos compases: O Montacargas de Federico Pérez e Santi Romay visitaba Oleiros, Malpica e Vimianzo, Pepo Suevos actuaba en Chandrexa de Queixa e Fene, David Amor na Peroxa, e A culpa é do sistema, o espectáculo de improvisación de Fede e Pepo, volvía aos escenarios en Abegondo e Mazaricos. Con Touri en A Radio Conta, con Marcos Pereiro como presentador dos Premios PEL da Deputación da Coruña, e con Pepo e Isi actuando en Meira, poñíamos o punto e final ao 2019.
O país precisa da cultura, e o noso plan e seguir traballando poñendo todo o que temos. Ás veces iremos -e o agradecerán tamén da AP-9-, e outras viredes. O caso é que non perdamos nunca o ánimo por consumir disto que, como di sempre Touri, tamén nos alimenta e nos fai mellores.
Este 2019 en Ainé non tería sido posible sen Carlos nos números, sen Elisa, Rubén, Manu, Miguel, Claudia, Nacho, Celia, Iago, Uxía, Alicia, Cris e Andrés na produción, sen os deseños de Laura, Inés, Carla e Miriam, sen a paciencia de Carlos G. coas nosas urxencias, sen todos os profesionais que traballades con nós ao longo do ano, sen as veciñas e veciños de Castelo, e por suposto, sen o talento das e dos artistas que dades sentido ao noso traballo. A todas e a todos, grazas!
Nos teatros, ou en calquera outro lugar, vémonos no 2020!