Touriñán e Carlos Blanco actuarán xuntos en Barcelona
A Sala Barts acollerá o 19 de xaneiro un espectáculo inédito dos cómicos galegos, na que será a súa primeira actuación conxunta fóra de Galicia. As entradas están xa á venda a través da páxina web da sala barcelonesa.

O humor galego chega co novo ano a Barcelona. Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco, os cómicos máis en forma do panorama da comedia en Galicia, actuarán por primeira vez xuntos fóra do noso país. Será na coñecida Sala Barts da capital catalá, o domingo 19 de xaneiro, cun espectáculo inédito que recollerá o mellor do aclamado repertorio dos actores e monologuistas.
Na páxina web da sala están xa á venda as entradas, cun prezo de 18 euros. A cita, prevista para as 19.30, chega nun momento especialmente doce tanto para Touriñán como para Carlos Blanco. O actor cullerdense triunfa coa xira de Fariña, achegándose á cifra dos 20.000 espectadores en menos de dous meses. Pola súa banda, o arousán grava desde o mes de novembro ‘Los Favoritos de Midas’, unha miniserie para Netflix dirixida por Mateo Gil e protagonizada por Luis Tosar, e La Unidad, dirixida por Dani de la Torre para Movistar+.
2019 foi un ano especialmente intenso e exitoso para a parella Blanco – Touriñán sobre os escenarios: á xira de Somos Criminais de 2018 seguiu a comedia de Javier Veiga ‘Unha noite na praia’, coa que encheron tamén boa parte dos teatros e auditorios de Galicia.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.
‘Amoriños’ chega a Cee e Vigo con cheos absolutos e suma novas funcións en Pontevedra e A Coruña
A xira de ‘Amoriños’, continúa esta fin de semana en Cee e Vigo, con case todas as entradas esgotadas. O espectáculo amplía ademais o seu percorrido con novas datas en Pontevedra e unha quinta función no peche da Coruña.
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Chisteria Colectiva’, unha das grandes apostas do EMHU 2026
O humorista participa no espectáculo colectivo xunto a outros grandes nomes da comedia estatal, unha estrea absoluta no marco do encontro que xa colgou o cartel de entradas esgotadas para as súas dúas funcións en Palexco.


