‘Cuñados’ preestréase en Ourense e prepara a súa chegada aos cines
O filme, producido por Portocabo, e que protagoniza Xosé A. Touriñán xunto con Federico Pérez e Miguel de Lira, chegará ás pantallas este venres.

O Teatro Principal de Ourense acolleu este domingo a preestrea de Cuñados, a primeira longametraxe da produtora Portocabo, coa dirección de Toño López. O acto, ao que asistiron, ademais das actrices e actores, representantes da Deputación de Ourense, a CRTVG, a Consellería de Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais, e a Denominación de Orixen Ribeiro, adiante o comezo do percorrido do filme polas salas de todo o país, previsto para este próximo venres.
Protagonizada por Xosé A. Touriñán, Federico Pérez e Miguel de Lira, Cuñados é unha das estreas máis agardadas da temporada, tanto polo reparto -que completan María Vázquez, Iolanda Muiños e Eva Fernández-, como por supor a chegada de Portocabo á ficción para a gran pantalla, logo de colleitar innumerables éxitos na televisión e as principais plataformas, como Hierro ou Augaseca.
Rodada o pasado verán na comarca do Ribeiro (Ourense), contou co equipo de Ainé Producións para as tarefas de produción -con Javi Lopa como xefe de produción-. O filme é tamén a primeira experiencia na gran pantalla, con tan só dez anos, da actriz Antía Touriñán.

Os actos previos á chegada do filme ás salas terán continuidade ao longo da semana, con outras dúas preestreas, prevista en Madrid e A Coruña.
Unha comedia criminal
Cuñados é unha comedia sobre as peripecias delitivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar o que máis queren: a familia.
Eduardo e o seu cuñado Sabonis acaban de meter a pata nun dos seus negocios e precisan cartos. Moitos cartos. Será Sabonis quen lle atope a solución ao problema secuestrando a Modesto, cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e os deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar un peso polo seu cuñado. Mais é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Eduardo, Sabonis e Modesto téñeno todo para fracasar pero, como diría Sabonis, malo será.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.


