Ainé lanza este sábado o seu primeiro proxecto escénico infantil. É Bibopalula · O espectáculo, unha proposta de gran formato, musical, para nenas e nenos de 4 a 8 anos, que chegará aos escenarios o próximo 7 de xuño e xirará por toda Galicia con oito datas todas as fines de semanas do mes. Marta Lado é a autora do texto e a directora dunha proposta inédita en Galicia polo seu formato, que aspira a reeditar o éxito acadado pola serie de debuxos animados.
A proposta, protagonizada pola actriz Lidia Veiga no papel de Ava, contará cos personaxes da Banda do Bosque, Pegui, Carpin, Merli e Robin, interpretados por Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez, ademais doutros personaxes como Pombo ou o Señor Moucho. A música estará presente en toda a peza, coas cancións xa coñecidas polas nenas e nenos galegos, compostas de Santi Jul e Iván Laxe, encargados tamén da musicalización do espectáculo.
Marta Lado contará con Martina Cambeiro como responsable de vestiario e no apoio ao traballo coreográfico, Laura Mahía será a encargada da dirección de arte, Banale da escenografía, e Gonzalo Porteiro do deseño de iluminación.
As voces dos personaxes orixinais da serie estarán tamén no espectáculo –Marita Martínez, Iria Lamas, Laura Mahía, Marta Lado, Andrés Mahía e Xosé A. Touriñán-. O equipo de produción estará formado por Elisa Martínez, Miguel Vázquez e Alba Gilda.
A busca dun misterioso tesouro
Ava é unha experta observadora de paxaros. Alegre, curiosa e aventureira, a súa paixón é o bosque e toda a vida que cada día podemos descubrir nel. Tamén lle encanta animar ás pequenas e pequenos espectadores a prestar moita atención sobre o que acontece entre as árbores…
A Banda do Bosque recibe de parte do Señor Moucho a misión de atopar un misterioso tesouro. Robin, Carpin, Pegui e Merli enfróntanse durante a busca a distintos atrancos, pero tamén a momentos emocionantes ao redor de todo o que ofrece a natureza no bosque, os cambios meteorolóxicos, ou o día e a noite.
De xira durante todo o mes de xuño
O espectáculo de Bibopalula estrearase o 7 de xuño no Teatro Colón da Coruña, e xirará durante todo o mes por Santiago (8 de xuño, Auditorio ABANCA), Pontevedra (14 de xuño, Auditorio Sede Afundación), Vilalba (15 de xuño, Auditorio Carmen Estévez), Verín (21 de xuño, Auditorio Municipal), Vigo (22 de xuño, Teatro Afundación), Cee (28 de xuño, Casa da Cultura) e Ourense (29 de xuño, Auditorio Municipal).
As entradas están á venda a través da web www.bibopalula.gal, onde é posible acceder non só a máis información do espectáculo, senón a múltiples contidos da serie, producida por Undodez e pola Televisión de Galicia, e creada por Laura Mahía e Andrés Mahía.