Así foi a presentación “dun espectáculo espectacular”
Xosé A. Touriñán explicou diante de cen nenas e nenos os detalles da montaxe teatral de Bibopalula, que se estreará na Coruña o 7 de xuño.
“Non sei se somos moi conscientes do que pode chegar a ser o espectáculo de Bibopalula”, dixo Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña esta mañá, na presentación da nova produción de Ainé. A expectación era máxima despois dunha convocatoria a través das redes sociais no que Robin e Carpin, dous dos protagonistas da serie, avisaban dun “anuncio importante” para o mediodía deste sábado, e a noticia non decepcionou.
Preto dun cento de nenas e nenos encheron as cadeiras colocadas nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña para saber de primeira man de que se trataba, e Xosé A. Touriñán desvelouno: Bibopalula terá espectáculo teatral, e estrearase no Teatro Colón da Coruña o 7 de xuño.
O actor e produtor explicou ás familias o que poderán ver se deciden asistir a algunha das oito funcións previstas no mes de xuño en distintas localidades de Galicia: “un decorado espectacular, cancións espectaculares, unha iluminación espectacular… un espectáculo espectacular”, dixo. Unha proposta inédita no noso país ao apostar por un formato que case sempre traen produtoras de fóra e en castelán. “Imos demostrar que aquí tamén se pode facer, e que se pode facer en galego”.
Touriñán presentou xusto despois ao equipo da produción, encabezado por Marta Lado -autora do texto e directora-, Lidia Veiga -actriz protagonista-, Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro, Nerea Rodríguez -elenco-, Marita Martínez, Iria Lamas, Andrés Mahía, Xosé A. Touriñán, Marta Lado e Laura Mahía -voces-, Santi Jul e Iván Laxe -música-, Gonzalo Porteiro -deseño de iluminación-, Martina Cambeiro -vestiario e coreografías-, Laura Mahía -dirección de arte-, e Banale -escenografía-.
Pistas para atopar un misterioso tesouro
Marta Lado, directora do espectáculo, dirixiuse na presentación ás cativas e cativos para contarlles algúns detalles sobre o que poderán ver no escenario: “pistas, e a busca dun tesouro que non será doado atopar, porque haberá atrancos, será día, será noite, e todos os que veñan ao teatro vivirán unha aventura moi emocionante”.
Cultura en galego para as máis pequenas e pequenos
Tanto Pedro González, de Deleite, como Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, destacaron a importante de apoiar calquera iniciativa que promova a cultura en galego entre as máis cativas e cativos. “Imos estar sempre ao carón de iniciativas que promovan que as nosas e nenas e nenos poidan desfrutar de cultura na nosa lingua”, apuntou o responsable da marca, que adoita apoiar todo tipo de proxectos escénicos, audiovisuais e literarios infantís. Pola súa parte o concelleiro referiuse á “honra” que supón para A Coruña acoller a estrea desta proposta, “que está chamada a marcar un antes e un despois no panorama da produción escénica en Galicia”.
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, anunciou o apoio ao proxecto con máis de 40.000 € no marco da convocatoria de axudas á creación escénica, e puxo en valor o traballo de Ainé á hora de levar aos escenarios propostas “ambiciosas e moi coidadas”.
Frautas e fotos con Robin
Ao remate da presentación, e despois de que Touriñán anunciara as datas da xira, Robin, acompañado por Deleitiña, repartiron entre as e os asistentes frautas e globos, citándose para o 7 de xuño, o día no que comezará a aventura de Bibopalula nos escenarios. As entrada xa están á venda.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán celebra o día dos namorados cunha función do seu monólogo en Madrid
Este sábado, Xosé A. Touriñán regresa ao Teatro Arlequín de Madrid cunha nova función do seu monólogo, dentro dunha xira estatal que percorrerá distintas cidades máis alá das nosas fronteiras.
Monólogo de Xosé A. Touriñán
Un monólogo que viaxará por todo o Estado, no que Xosé A. Touriñán mestura humor e experiencia vital para conectar co público desde a proximidade.
‘Territorio Regueifa’ presentouse onte en Carballo como un soño que chega ao escenario
A estrea absoluta de ‘Territorio Regueifa’, este venres 6 de febreiro no Pazo da Cultura de Carballo, foi presentada nunha rolda de prensa que puxo o foco na importancia de levar a regueifa ao teatro e de reivindicala como arte viva.



