Touriñán volverá á Televisión de Galicia con ‘Catro Gatos’, un novo formato de humor
Xosé A. Touriñán, David Perdomo, Fátima Pego e Noemi Rodríguez protagonizan este programa
Ademais de actuar, Touriñán co-dirixe e é autor dos guións xunto con José L. Prieto, Manuel Cortés e David Perdomo

Nestas últimas semanas está tendo lugar a gravación de Catro Gatos. Esta nova aventura televisiva, protagonizada por Xosé A. Touriñán, Fátima Pego, Noemi Rodríguez e David Perdomo, supón o regreso á Televisión de Galicia de Xosé A. Touriñán.
Catro Gatos é un novo formato de humor, mestura de tertulia cómica e sketchs humorísticos, producido por Tex45 Producións para a Televisión de Galicia coa colaboración de Undodez. Esta primeira temporada constará de 13 episodios de 25 minutos de duración, cunha realización moi coidada e áxil visualmente pensada para a multiplataforma.
Catro amigos, os actores Xosé A. Touriñán e David Perdomo, e as actrices Fátima Pego e Noemi Rodríguez reúnense nun bar no que falan da vida nun ton cómico, primando a espontaneidade dos actores e actrices participantes. Cada un deles recordará unha anécdota que dá paso aos sketchs cómicos, nos que os propios protagonistas interpretan diferentes personaxes.
Dirixido por Jairo Iglesias e Xosé A. Touriñán, Catro Gatos conta con guións de José L. Prieto, Manuel Cortés, David Perdomo e Xosé A. Touriñán. Aínda non está fixada a data da súa estrea na primeira canle da Televisión de Galicia.

Un novo proxecto de Touriñán
Xosé A. Touriñán é un dos cómicos máis recoñecidos do país. Actor, produtor e guionista, comezou a súa carreira na TVG coas Cantareiras de Ardebullo, o dúo que creou xunto a Marcos Pereiro. Padre Casares, Air Galicia, Tourilandia, Land Rober Tunai Show e Era visto! son algunhas das súas aparicións máis recoñecidas. Nos últimos anos participou en series como El desorden que dejas, Justo antes de Cristo, Antes de perder ou Fariña e no teatro en Unha noite na praia, Somos Criminais e Fariña.
Na actualidade está inmerso na preprodución de Nena, a súa primeira curta como director, o seu novo espectáculo Aquí tou e Comicamente, un ciclo de espectáculos cómicos impulsado por Ainé, Condetrespés e Etiqueta Negra, que forma parte da programación do Xacobeo 21-22.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.


