Touriñán e Perdomo congregan 6.000 persoas esta fin de semana
Os dous cómicos están a piques de esgotar as entradas para as catro funcións previstas no Auditorio Gaivota de Palexco. A boa sintonía co público de 'Corentena' alcanza na Coruña un novo récord.
‘Corentena‘ volve á Coruña case un ano despois da primeira función do espectáculo. Desde entón, moito camiño percorreron Xosé A. Touriñán e David Perdomo cun show que naceu en Instagram, adaptouse para representarse en pequenas salas e agora enche teatros e auditorios por toda Galicia.
Neste tempo, máis de 30.000 espectadores desfrutaron dos personaxes que Perdomo e Touri crean sobre as táboas. Na Coruña, esgotaron as entradas no MEGA, logo no Garufa Club, catro funcións no Teatro Colón e agora van camiño de facer o mesmo coas catro do Auditorio Gaivota de Palexco. As últimas entradas para esta fin de semana están á venda en corentena.gal e na web de Ataquilla.
Sobre o escenario, Touriñán e Perdomo consiguen que o público desfrute a base de pasalo eles dous en grande. ‘Corentena’ é un espectáculo de humor que crean dous amigos pasándoo ben, improvisando e xogando coas regras da comedia e incluíndo ao espectador nunha conversa que nunca sabes por que camiños vai discorrer. E aí está o éxito, na sorpresa e en pasalo ben como xeito de que o espectador se sume a esa complicidade que os dous cómicos teñen en escena.
A xira continúa
Despois desta fin de semana na Coruña, o espectáculo fai un pequeno alto no camiño para regresar no mes de abril.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



