‘Somos Criminais e punto final’ chega ao ecuador da súa última xira con dobre función en Vigo
Somos Criminais e punto final suma máis de 100.000 espectadores desde 2018 e encara agora o ecuador da súa derradeira xira. O espectáculo para en Vigo con dúas funcións consecutivas antes de viaxar a Vilagarcía e A Coruña, onde porá o punto final o 1 de novembro.
A terceira e última entrega dunha das propostas máis exitosas do teatro galego chega esta fin de semana a Vigo. O Auditorio Mar de Vigo acollerá dúas funcións consecutivas de Somos Criminais e punto final: o sábado 4 e o domingo 5 de outubro. Será a última oportunidade de ver en directo o espectáculo de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, que desde 2018 teñen conquistado xa a máis de 100.000 espectadores coa súa triloxía teatral.
Nesta derradeira entrega, a trama sitúa ao público nunha Galicia ao borde do fin do mundo. A bordo da nave Arteixo II, os dous cómicos rematan por converterse en capitáns dunha misión que debe evacuar a un grupo de elixidos cara a un novo planeta, levando consigo o patrimonio humano e cultural que fai única a identidade galega.
O espectáculo conta coa dramaturxia de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, e está dirixido por Tito Asorey. Tras a dobre función en Vigo, a xira continuará o 25 de outubro en Vilagarcía de Arousa e rematará o 1 de novembro na Coruña, cun balance previsto de máis de 10.000 espectadores nesta etapa final.
As entradas para as vindeiras citas están dispoñibles na web do espectáculo: www.somoscriminais.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



