Lamatumbá encherá de ritmo o AgoraSón de outono
Lamatumbá, unha das grandes referencias da música en galego, subirá ao escenario do AgoraSón de outono o vindeiro venres 17 de outubro ás 21.00 no Centro Ágora da Coruña. Presentan unha nova etapa cargada de enerxía, novos temas, e a intención de reinventarse. As invitacións poderán retirarse a partir do venres 10 de outubro nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material en galego.
O próximo venres 17 de outubro, o Centro Sociocultural Ágora (A Coruña) acollerá unha nova edición do AgoraSón de outono, o ciclo musical promovido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais. Nesta ocasión, será Lamatumbá quen suba ao escenario, cun concerto cargado de ritmo, festa e o seu característico estilo reivindicativo e enerxético.
O grupo ourensán conta cunha longa traxectoria: con catro discos publicados e numerosos concertos ás súas costas, consolidáronse como unha referencia das festas e verbenas galegas. Tras o seu regreso aos escenarios hai dous anos, a banda inicia unha nova etapa con imaxe renovada, novos temas e a intención de seguir reinventándose. Este verán estrearon Botando leña, un tema que invita á resistencia e ao gozo colectivo, mantendo o seu chamamento habitual á “brincadeira” e ao espírito festivo.
Ao longo destes vinte anos de carreira, o grupo mantivo vixentes clásicos que o público segue a cantar, como Licor café, Desertor, Reggae dos mariñeiros ou San Benitín. A súa música combina ritmo, letra reivindicativa e celebración da cultura galega, conectando co público de todas as idades.
O AgoraSón, que se celebra dúas veces ao ano (na primavera polo Día das Letras Galegas e no outono polo Día das Bibliotecas), combina a oferta musical cun proceso de dinamización lingüística e fomento da lectura. Por iso, as entradas só se poden conseguir nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material en galego, tanto de lectura como audiovisual. O reparto comezará o venres 10 de outubro, e cada persoa poderá retirar un máximo de dúas invitacións, sen numerar. Haberá dúas quendas: mañá (a partir das 9.00) e tarde (a partir das 16.00). De sobraren pases, estarán dispoñibles o día do concerto a partir das 20.00 h na conserxería do Centro Ágora.
O AgoraSón é un programa consolidado na programación cultural do Concello da Coruña, que ao longo dos anos contou con artistas como Tanxugueiras, Mercedes Peón, Ruxe Ruxe, Luar na Lubre ou Boyanka Kostova. Con Lamatumbá, a cita de outono promete ser unha auténtica celebración da música en galego, da cultura popular e da vida comunitaria, convertendo o Centro Ágora nun punto de encontro de ritmo, festa e identidade.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



