Touriñán e Carlos Blanco presentan a Gala Érguete, corenta anos de loita, emoción e homenaxe
O Teatro Afundación de Vigo acolle hoxe, 9 de outubro, a Gala Érguete, un evento especial que celebra o 40 aniversario da Asociación Érguete e rende homenaxe ás mulleres que, nos anos oitenta, se uniron para loitar contra o narcotráfico e as adiccións en Galicia. A cita contará con música, humor e emoción, da man de Fillas de Cassandra, A Banda da Loba e artistas como Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco e Arantxa Treus.
A emoción e a memoria volven ocupar hoxe o Teatro Afundación de Vigo coa Gala Érguete, organizada para celebrar os 40 anos da Asociación Érguete e render tributo ás coñecidas nais contra a droga, pioneiras dunha loita que cambiou para sempre a historia social de Galicia. O acto, de entrada libre, comeza ás 20.00 horas e reunirá humor, música e lembranza.
A gala será presentada por Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco, xunto a Arantxa Treus. En 2022, durante a xira da montaxe teatral Fariña (producida por Ainé e dirixida por Tito Asorey), Touriñán e a asociación compartiron un dos momentos máis emotivos daquela xira, cando as fundadoras de Érguete subiron ao escenario entre aplausos para recibir o cariño do público. Aquela colaboración marcou un encontro entre arte e memoria que fai que hoxe a presenza de Touriñán enriba do escenario sexa algo natural e simbólico: a escena volve converterse nun espazo de agradecemento e homenaxe ás mulleres que abriron camiño, rompendo o silencio, a soidade e a impotencia daquelas décadas difíciles.
A cita reunirá sobre o escenario a Fillas de Cassandra, A Banda da Loba, a escola de danza Media Punta, Sofía Gaona, Sara Balboa e ás pandereteiras Ledicia de Trasmañó. Ademais, as propias nais fundadoras e persoas usuarias da asociación participarán nun momento especial de recoñecemento e gratitude.
A vicepresidenta de Érguete, Sonia Fernández, sinala que este espazo é o que moitas delas merecían hai moito tempo. “Queremos que a sociedade galega poida agradecerlles todo o que fixeron cun gran aplauso”. A súa loita constante e a valentía das coñecidas nais contra a droga serán o eixo desta homenaxe a unha xeración de mulleres que cambiou para sempre a historia social de Galicia. Catro décadas despois, Érguete continúa a ser hoxe un referente na atención e reinserción de persoas con adiccións, con máis de 8.000 atendidas só en 2024 na área de Vigo.
Fundada en 1984 por un grupo de nais que afrontaban a drogodependencia dos seus fillos, a Asociación Érguete é unha das organizacións sociais máis emblemáticas do país. Acompaña a milleiros de familias cada ano e traballa pola inclusión social e a prevención de condutas adictivas, desenvolvendo programas educativos, xurídicos e de apoio residencial.
A gala conta coa colaboración de Afundación e co apoio de institucións e persoas que, como lembran as súas fundadoras Dora Carrera e Elvira Vázquez, “fixeron posible que esta historia de dor se convertese nun exemplo de dignidade e esperanza”. Hoxe, sen dúbida, será unha noite de emoción, gratitude, memoria e, sobre todo, recoñecemento a aquelas matriarcas que axudaron a que a sociedade galega erguese a cabeza, nun momento histórico e social tan crítico.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.



