O monólogo de Touriñán, ‘Aquí Tou!’, regresa aos escenarios este outono
Xosé A. Touriñán regresa aos escenarios este outono con novas funcións de Aquí Tou!, o seu monólogo máis persoal e celebrado. A xira incluirá paradas en Ribadumia, A Estrada, A Rúa, Vimianzo e Ribeira, onde as entradas se esgotaron en apenas dúas horas.
Despois de percorrer Galicia durante a primavera e reunir a milleiros de espectadores en máis de trinta e cinco funcións desde a súa estrea, Aquí Tou!, o monólogo de Xosé A. Touriñán, regresa aos escenarios nunha xira de outono con novas datas e localidades.
As funcións confirmadas terán lugar o 8 de novembro en Ribadumia (Auditorio Municipal), o 14 de novembro na Estrada (Teatro Principal), o 15 de novembro na Rúa (Centro Cultural Avenida), o 6 de decembro en Vimianzo (Casa da Cultura) e o 26 de decembro en Ribeira (Auditorio Municipal).
A acollida desta proposta continúa a ser excepcional: as entradas para Ribeira esgotáronse en apenas dúas horas, polo que xa está previsto un novo pase. As entradas estarán dispoñibles desde mañá ás 21.00 a través da páxina web do espectáculo, aquitou.gal.
En Aquí Tou!, Touriñán percorre con humor e tenrura os momentos clave da súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Un monólogo no que o actor e humorista mestura realidade e ficción, anécdotas e cultura popular galega, construíndo un retrato vital co que o público se recoñece e emociona.
Con esta nova etapa, Aquí Tou! renova o seu compromiso co público galego, mantendo o espírito próximo e festivo que converteu o espectáculo nun punto de encontro entre o humor e a emoción.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



