‘Aquí Tou!’, o monólogo de Xosé A. Touriñán, abre o Programa de Sala do FIOT34
O FIOT34 inaugura o seu Programa de Sala con 'Aquí Tou!', o monólogo de Xosé A. Touriñán que mestura humor, lembranza e identidade galega nun percorrido vital cargado de tenrura e ironía. A función, que xa esgotou todas as entradas dispoñibles, terá lugar este venres ás 21:00, no Pazo da Cultura de Carballo.
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) acolle este venres, 3 de outubro, a representación de Aquí Tou!, o monólogo de Xosé A. Touriñán. O espectáculo será o encargado de inaugurar o Programa de Sala, abrindo as grandes citas desta 34ª edición do festival, celebrada baixo o lema “Raíz viva, memoria colectiva”. A función terá lugar ás 21:00 no Pazo da Cultura de Carballo e esgotou xa todas as entradas dispoñibles.
En Aquí Tou!, Touriñán percorre a súa vida desde a concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Cunha mestura de realidade e ficción, o actor combina anécdotas persoais e referencias colectivas, cargadas de humor, tenrura e picardía, convidando o público a rir, lembrar e recoñecerse na cultura popular galega.
O espectáculo, con texto de José L. Prieto e Xosé A. Touriñán, consolidouse como unha das propostas máis exitosas do humor escénico galego, caracterizada pola súa conexión directa co público e por esgotar entradas en numerosos escenarios.
Con esta función, o FIOT34 dá comezo ao seu Programa de Sala, que se prolongará ata o 1 de novembro con máis de 40 espectáculos, estreas, narración oral e actividades paralelas que converterán Carballo nunha das capitais teatrais de Galicia durante o outono.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



