Cancelación de ‘Territorio Regueifa’ no FIOT34
O Festival Internacional Outono de Teatro e Ainé Producións comunican que a estrea de 'Territorio Regueifa', prevista para os días 3 e 4 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo, queda cancelada debido á baixa médica dun dos actores. Para non deixar ao público sen teatro, o venres 3 de outubro presentarase un espectáculo alternativo: o monólogo 'Aquí tou!', de Xosé A. Touriñán.
A estrea absoluta de Territorio Regueifa ía abrir o Programa de Sala do FIOT34, pero unha baixa médica imprevista dun dos tres membros do elenco impide a representación. A condición de protagonistas de todo o reparto e a singularidade artística dos regueifeiros fan que a substitución non sexa viable, especialmente a apenas tres días da función.
O FIOT mantén o seu compromiso coa obra e reprogramará a estrea cando a compañía poida retomar o traballo coas condicións humanas e técnicas necesarias. A nova data da estrea será informada proximamente.
Mentres, para que o teatro non cese en Carballo neste outubro, o festival programou Aquí tou!, un monólogo de Xosé A. Touriñán, que terá lugar o venres 3 de outubro, ás 21:00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura.
- Abonados: poderán asistir co seu abono sen facer xestións adicionais. Quen non queira acudir poderá solicitar a devolución proporcional ata media hora antes do inicio da función, en Ataquilla.com ou na billeteira do teatro.
- Público xeral: as entradas estarán dispoñibles proximamente en Ataquilla.com e na billeteira do Pazo da Cultura, desde 90 minutos antes do inicio da función, segundo dispoñibilidade.
Tamén quedan canceladas a función escolar prevista para o venres 3 de outubro ás 11:00 e a sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, prevista para o sábado 4 ás 12:30h.
Dende o Festival Internacional Outono de Teatro e Ainé Producións desexamos ao noso compañeiro unha pronta recuperación e agradecemos ao público a súa comprensión e apoio.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



