‘Somos Criminais e punto final’ aterra en Vilagarcía na recta final da súa xira
A derradeira xira de Somos Criminais e punto final chega este sábado a Vilagarcía con dúas funcións no Auditorio Municipal (ás 18.00 e ás 20.30) e entradas case esgotadas para ambas. Con estas citas, o proxecto encara a súa recta final.
A terceira e última entrega dunha das propostas máis exitosas do teatro galego chega esta fin de semana a Vilagarcía de Arousa. O Auditorio Municipal acollerá este sábado, 25 de outubro, dúas funcións de Somos Criminais e punto final, ás 18.00 e ás 20.30 horas, con entradas practicamente esgotadas.
Dirixido por Tito Asorey, con dramaturxia de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, o espectáculo pon o broche final á triloxía teatral máis exitosa do teatro galego recente. Tras pasar por Santiago, Narón e Vigo, a xira entra na súa recta final: Vilagarcía será unha das últimas ocasións para desfrutar en directo desta proposta, antes da despedida definitiva o 1 de novembro na Coruña, onde o proxecto porá punto final ante o público galego.
Nesta derradeira entrega, os dous cómicos sitúan ao público nunha Galicia ao bordo do fin do mundo. A bordo da nave Arteixo II, exercen de capitáns dunha misión que debe evacuar a un grupo de elixidos cara a un novo planeta, levando consigo todo aquilo que define a identidade galega: o humor, a retranca e a memoria.
Somos Criminais e punto final suma así un novo éxito de público e confirma o seu lugar como un dos fenómenos teatrais máis destacados da última década en Galicia.
As entradas están dispoñibles a través da web do espectáculo www.somoscriminais.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



