‘Somos Criminais’ pon o punto final a unha viaxe que fixo historia
A triloxía máis exitosa do teatro galego pon fin á súa viaxe. 'Somos Criminais e punto final' despedirase o 1 de novembro no Auditorio Gaviota de Palexco, na Coruña, tras sete anos de xira e máis de 100.000 espectadoras e espectadores.
A viaxe de Somos Criminais chega á súa última parada. O vindeiro 1 de novembro, o Auditorio Gaviota de Palexco, na Coruña, acollerá a derradeira función de Somos Criminais e punto final, co que Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán poñen fin a sete anos de risa, identidade e historia compartida cos escenarios galegos.
Desde a súa estrea en 2018, Somos Criminais consolidouse como un dos maiores fenómenos do teatro galego contemporáneo, con máis de 100.000 espectadores e funcións esgotadas en auditorios e teatros de todo o país.
Sete anos de humor e identidade
O proxecto naceu en marzo de 2018 na Illa de Arousa, cun espectáculo no que Blanco e Touriñán exploraban con humor e retranca aquilo que nos define como galegas e galegos. O éxito foi inmediato: entradas esgotadas, funcións duplicadas e unha xira que achegou o teatro a públicos que, moitas veces, sentaban por primeira vez nunha butaca dun auditorio.
No 2020, en pleno confinamento, Somos Criminais converteuse no primeiro espectáculo teatral galego emitido en streaming, abrindo unha nova etapa de conexión coa audiencia.
En 2021 chegou Somos Criminais 3, con dirección de Tito Asorey e dramatuxia de José L. Prieto, Blanco e Touriñán, unha entrega que ampliaba o universo criminal con novas historias e unha escenografía máis ambiciosa.
‘E punto final’: a despedida
A derradeira entrega, Somos Criminais e punto final, estreouse en 2024 e percorreu cidades de todo o país, esgotando entradas en todas elas e reunindo a milleiros de espectadoras e espectadores.
Nesta despedida, os dous cómicos convidan o público a acompañalos nunha Galicia ao bordo do fin do mundo: a bordo da nave Arteixo II, os ‘capitáns da comedia galega’ guían unha tripulación que tenta salvar o mellor da nosa identidade (a lingua, o humor e a memoria) antes do ‘punto final’.
Un final histórico
Con esta función, Somos Criminais pecha un ciclo e deixa un legado que vai máis alá das cifras: unha maneira de facer teatro próximo e popular. Sete anos nos que Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán remataron por converterse no espello dunha sociedade que se recoñeceu, entre risas, sobre o escenario.
As últimas entradas para a función do 1 de novembro están dispoñibles a través da web oficial www.somoscriminais.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán presenta ‘Moi Animal’, o seu novo monólogo
O humorista estrea unha nova proposta escénica arredor da nosa relación cos animais e das contradicións da especie humana. A xira comezará en outubro e percorrerá once localidades galegas.
Moi Animal
‘Moi Animal’ é o novo monólogo de Xosé A. Touriñán. A partires de outubro, percorrerá Galicia reflexionando sobre a nosa peculiar relación co resto das especies.
A Coruña acolle a programación do Noroestiño, a proposta familiar do 39º Festival Noroeste Estrella Galicia
A programación infantil do Festival Noroeste Estrella Galicia volverá aos Xardíns de Méndez Núñez do 5 ao 9 de agosto con sete propostas de música e artes escénicas para público familiar.



