Ribadeo e Vilalba reciben esta fin de semana o fenómeno ‘Amoriños’
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo ofrecerá catro funcións entre venres e sábado, cun dobre pase en Ribadeo e outro en Vilalba. A proposta continúa así o seu percorrido por Galicia mantendo unha forte conexión co público en cada cidade.
A xira de primavera de Amoriños encara unha nova fin de semana sobre as táboas con dúas paradas consecutivas. O espectáculo protagonizado por Xosé A. Touriñán e David Perdomo ofrecerá un total de catro funcións entre venres e sábado, mantendo o ritmo dunha xira que continúa sumando cheos e unha resposta constante do público en cada cidade.
A primeira cita será este venres 30 de abril no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, cun dobre pase ás 20.30 e ás 23.00. Ambas funcións colgan xa o cartel de completo, confirmando a boa acollida do espectáculo tamén no norte da provincia de Lugo.
Ao día seguinte, o sábado 1 de maio, Amoriños chegará a Vilalba para ofrecer outras dúas funcións no Auditorio Municipal Carmen Estévez, ás 18.30 e ás 21.00. Neste caso, o pase das 21.00 está xa esgotado, mentres que para a sesión das 18.30 aínda quedan dispoñibles as últimas localidades.
Sobre o escenario, Touriñán e Perdomo seguen explorando o territorio máis imprevisible das relacións humanas a través dunha proposta que combina comedia, improvisación e participación do público. Amoriños constrúe en directo un peculiar First Dates á galega no que teñen cabida encontros improbables, situacións absurdas e historias que evolucionan a partir do que acontece en cada función.
Esa natureza viva do espectáculo, na que o público forma parte activa do xogo, fai que cada pase sexa distinto ao anterior, reforzando a idea de experiencia única que acompaña á proposta desde a súa estrea. Un formato que continúa medrando función tras función e consolidando o seu percorrido por toda Galicia.
Tras estas dúas novas paradas, a xira continuará nas próximas semanas cun calendario que inclúe citas en Cee (8 de maio), Vigo (9 de maio), Narón (16 de maio), Ourense (22 de maio), Pontevedra (30 de maio) e A Coruña, onde terá lugar o peche desta etapa no Teatro Colón entre o 5 e o 7 de xuño.
As entradas para a función de Vilalba e para o resto das datas da xira están dispoñibles a través da web oficial do espectáculo: www.amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
Oferta de emprego para a incorporación dun perfil auxiliar de produción
Con toda a temporada por diante, reforzamos o noso equipo de produción coa incorporación, a tempo completo e cun contrato indefinido, dunha ou dun auxiliar para traballar tanto no ámbito das artes escénicas e os espectáculos como no audiovisual.



