Xosé A. Touriñán súmase a ‘Chisteria Colectiva’, unha das grandes apostas do EMHU 2026
A Coruña acolle ata o 3 de maio unha nova edición do EMHU, convertido xa nunha das grandes citas do humor en Galicia. Entre as propostas máis destacadas deste ano atópase ‘Chisteria Colectiva’, unha gala coral con Touriñán entre os seus protagonistas.
O VI Encontro Mundial do Humorismo (EMHU) continúa estes días na Coruña consolidado xa como un dos grandes festivais de comedia do panorama estatal. Baixo a dirección artística de Luis Piedrahita, a cidade convértese durante once días nun escenario múltiple no que conviven estreas, grandes nomes do humor e propostas colectivas que exploran diferentes linguaxes escénicas.
Dentro desta programación destaca ‘Chisteria Colectiva’, unha das catro estreas absolutas desta edición e unha das funcións que xa colgou o cartel de entradas esgotadas para os seus dous pases en Palexco, previstos para o vindeiro sábado 2 de maio ás 19.00 e ás 22.00. Trátase dunha gala coral na que o chiste é o fío condutor e na que se mesturan narración, improvisación e interacción co público para revisitar unha das formas máis universais do humor.
Nesta proposta, Xosé A. Touriñán comparte escenario con figuras como Álex Clavero, Arantxa Treus, David Amor, Jazmín Abuín, Jesús El Negro, JJ Vaquero, Miguel Miguel e o propio Luis Piedrahita, nun encontro que pon en valor a capacidade da comedia para transformarse e sobrevivir ao tempo.
O espectáculo propón unha mirada lúdica e crítica sobre o propio chiste: desde a súa construción ata a súa reinterpretación en escena, convertendo o teatro nun espazo de xogo no que o público tamén forma parte activa da experiencia.
A participación de Touriñán en ‘Chisteria Colectiva’ enmárcase nunha edición do EMHU especialmente ambiciosa, con 19 espectáculos e máis de 40 artistas. O festival combina grandes montaxes en espazos como o Teatro Colón, Palexco ou o Pazo da Ópera cunha programación paralela gratuíta que inclúe encontros, proxeccións e actividades abertas á cidadanía. Este modelo reforza unha das ideas centrais do EMHU: o humor como ferramenta accesible, diversa e descentralizada, capaz de encher distintos espazos da cidade e de chegar a públicos moi diferentes.
Con todo, ‘Chisteria Colectiva’ destaca como unha das grandes citas desta edición, xunto a outras porpostas como ‘Humoris Causa’, ‘Estirando el chicle’, ‘Animus Iocandi’ ou a gala de clausura ‘Fantastic Colofon’, que pechará a edición coa entrega dos Premios EMHU 2026.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
Oferta de emprego para a incorporación dun perfil auxiliar de produción
Con toda a temporada por diante, reforzamos o noso equipo de produción coa incorporación, a tempo completo e cun contrato indefinido, dunha ou dun auxiliar para traballar tanto no ámbito das artes escénicas e os espectáculos como no audiovisual.



