‘Amoriños’ chega a Cee e Vigo con cheos absolutos e suma novas funcións en Pontevedra e A Coruña
O espectáculo de Touriñán e Perdomo continúa esta fin de semana a súa xira, con paradas en Cee e Vigo, con case todas as entradas esgotadas. O espectáculo amplía ademais o seu percorrido con novas datas en Pontevedra e unha quinta función no peche da Coruña.
A xira de Amoriños encara unha nova fin de semana marcada, unha vez máis, pola resposta do público. O espectáculo protagonizado por Xosé A. Touriñán e David Perdomo fará parada este venres 8 de maio en Cee, na Casa da Cultura, cun dobre pase ás 20.30 e ás 23.00. Ambas funcións colgan xa o cartel de completo.
Ao día seguinte, a xira trasládase a Vigo, onde o Teatro Afundación acollerá tres funcións entre o 9 e o 10 de maio. O venres haberá dous pases, ás 18.30 e ás 21.00, mentres que o sábado o espectáculo subirá ao escenario ás 18.00, consolidando unha das paradas máis intensas deste tramo da xira.
O percorrido continúa medrando tamén nas próximas datas. En Pontevedra, Amoriños amplía a súa presenza cun total de catro funcións entre os días 30 e 31 de maio. As sesións do día 30 (ás 18.30 e ás 21.00) están xa esgotadas, mentres que para o día 31 (con pases ás 18.00 e ás 20.30) aínda quedan dispoñibles as últimas entradas.
A recta final da xira terá lugar na Coruña, no Teatro Colón, onde o espectáculo pechará esta etapa cunha fin de semana de gran formato. En total, serán cinco funcións entre o 5 e o 7 de xuño, das cales dúas xa están esgotadas e outras dúas contan coas últimas localidades dispoñibles.
Como novidade, vén de abrirse unha quinta función o sábado 6 de xuño ás 18.30, que se suma ás xa anunciadas: o día 5 ás 20.30 e 23.00, o día 6 ás 21.00 e o día 7 ás 18.00. Un peche de xira que confirma o crecemento da proposta e a súa capacidade para encher teatros e repartir gargalladas en cada cidade.
Sobre o escenario, Touriñán e Perdomo constrúen en directo un peculiar ‘First Dates‘ á galega, combinando comedia, improvisación e participación do público. Un formato vivo que se transforma en cada función e que continúa consolidándose como un dos fenómenos escénicos desta tempada.
As entradas para as próximas datas da xira están dispoñibles a través da web do espectáculo amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



