‘Amoriños’ retoma a súa xira con cheos absolutos e novas datas
A xira de 'Amoriños' volve coller impulso esta semana cunha nova parada en Ponteareas. O espectáculo continúa confirmando o seu éxito cunha resposta do público que se traduce en cheos absolutos e novas funcións engadidas ao percorrido.
Este venres 10 de abril, Amoriños volve subir ao escenario en Ponteareas con dúas funcións no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, unha ás 20.30 e outra ás 23.00. E faino co mellor dos sinais posibles: co cartel de completo nos dous pases. Un comezo de tramo que deixa claro que, cando chega a primavera… hai ganas de risa, de encontros e de deixarse levar por esas historias de amor un pouco caóticas que só poden pasar con Touriñán e Perdomo sobre as táboas.
A resposta do público repítese tamén noutras paradas do percorrido. As funcións previstas en Verín e Cee están igualmente esgotadas, consolidando unha tendencia que vén acompañando á proposta desde o seu inicio: auditorios cheos e unha conexión directa co público en cada encontro.
A xira continúa nas próximas semanas cun percorrido que atravesa Galicia de norte a sur: Verín (17 de abril), Lugo (18 de abril), Ribadeo (30 de abril), Vilalba (1 de maio), Cee (8 de maio), Vigo (9 e 10 de maio), Narón (16 de maio), Ourense (22 de maio), Pontevedra (30 e 31 de maio)… ata chegar á Coruña, onde terá lugar o gran peche no Teatro Colón os días 5, 6 e 7 de xuño.
Ademais, o camiño segue medrando. En Vigo e Pontevedra abríronse novas funcións, ampliando así as oportunidades para quen non quere quedar sen o seu oco no espectáculo de Amoriños esta primavera. Cun formato que mestura comedia, improvisación e participación do público, as funcións constrúense en directo, convertendo cada pase nun encontro único e irrepetible.
Nesta segunda xira, o Touriñán e Perdomo reafirman o seu carácter enriba do escenario e a súa capacidade para conectar co público a través do humor, a emoción e as historias inesperadas que nacen no momento (querendo ou sen querelo).
As entradas para o resto da xira están dispoñibles a través da web do espectáculo amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



