‘Amoriños’ chega esta fin de semana a Verín e Lugo con catro funcións e cheos absolutos
A xira de Amoriños continúa esta fin de semana con dúas novas paradas no seu percorrido por Galicia. O espectáculo de Touriñán e Perdomo visitará Verín e Lugo con catro funcións repartidas entre venres e sábado con todas as entradas xa esgotadas.
A xira de primavera de Amoriños continúa avanzando con forza e fará esta fin de semana dúas novas paradas no seu percorrido por Galicia. O espectáculo protagonizado por Xosé A. Touriñán e David Perdomo visitará Verín e Lugo cun total de catro funcións que colgan xa o cartel de completo en todos os seus pases.
A primeira parada será este venres 17 de abril no Auditorio de Verín, onde o espectáculo ofrecerá dúas funcións ás 20.30 e ás 23.00, ambas con todas as localidades esgotadas. Ao día seguinte, Amoriños chegará ao Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, onde volverá subir ao escenario en dous novos pases ás 18.30 e ás 21.00, tamén con cheo absoluto.
Sobre o escenario, Touriñán e Perdomo mergúllanse no territorio máis imprevisible das relacións humanas cun espectáculo que combina humor, improvisación e participación do público. En Amoriños, o escenario convértese nun peculiar First Dates á galega onde teñen cabida citas imposibles, paixóns inesperadas e personaxes que nunca deberían cruzarse… pero que sempre acaban atopándose.
Un dos sinais de identidade da proposta é precisamente o seu carácter vivo: cada función constrúese en directo e evoluciona a partir da enerxía do público e da complicidade entre os intérpretes, facendo que ningún pase sexa igual ao anterior. Esa capacidade para reinventarse función tras función converte cada encontro nunha experiencia única e irrepetible.
Tras as paradas desta fin de semana, a xira continuará nas próximas semanas con novas funcións en Ribadeo, Vilalba, Cee, Vigo, Narón, Ourense, Pontevedra e A Coruña, onde terá lugar o gran peche desta etapa no Teatro Colón os días 5, 6 e 7 de xuño.
As entradas para as próximas datas da xira permanecen dispoñibles a través da web oficial do espectáculo: www.amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



