‘Territorio Regueifa’ retoma o seu camiño no Culturgal e anuncia nova data de estrea
O stand da AGADIC no Culturgal converteuse nun espazo para descubrir o mundo da regueifa da man de Manolo Maseda, Josinho da Teixeira e Lupe Blanco. ‘Territorio Regueifa’ levou a maxia da tradición oral galega improvisada á Feira das Culturas Galegas e anunciou a nova data de estrea do espectáculo.
Territorio Regueifa tivo unha parada especial no Culturgal 2025, a Feira das Culturas Galegas. Os protagonistas, Manolo Maseda, Josinho da Teixeira e Lupe Blanco, acompañados por Xosé A. Touriñán como produtor, recibiron o público e explicaron a esencia desta proposta: mesturar historia, improvisación e participación nunha experiencia única.
Durante o encontro, os artistas tamén fixeron unha pequena mostra do que é a regueifa, provocando risas e admiración entre os e as asistentes. A cita serviu tamén para anunciar que a estrea de Territorio Regueifa terá lugar o 6 de febreiro, un novo inicio tras a cancelación da primeira data por motivos de saúde.
O encontro contou co acompañamento de representantes institucionais, como Jacobo Sutil, director da AGADIC, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, quenes destacaron o valor de iniciativas que combinan tradición, creación e divulgación cultural.
A obra, producida en colaboración co FIOT Carballo (Festival Internacional Outono de Teatro) e o Centro Dramático Galego, retoma así a súa viaxe, levando a maxia da improvisación oral a novos públicos e consolidando a regueifa como un patrimonio vivo, capaz de unir humor, emoción e coñecemento nun espectáculo participativo e festivo.
As entradas para a estrea de Territorio Regueifa estarán dispoñibles próximamente.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



