‘Amoriños’ encadea cinco funcións esta fin de semana en Vilagarcía e Santiago
O fenómeno 'Amoriños' segue en marcha: Touriñán e Perdomo volven aos escenarios cunha nova remesa de encontros… e desencontros, reafirmando que o amor (mesmo na súa versión máis tola) segue a encher teatros.
A xira de Amoriños, o espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo, continúa avanzando con forza polo país, conectando co público en cada parada e enchendo auditorios ao pouco de saír á venda. Despois da súa estrea en Noia e da posterior parada en Vigo, o espectáculo encara unha das súas fins de semana máis intensas, con tres funcións en dous concellos diferentes.
Os días 12 e 13 de decembro, Amoriños recalará en Vilagarcía de Arousa, onde o Auditorio Municipal acollerá tres funcións. O domingo 14 será a quenda de Santiago de Compostela, con dúas sesións consecutivas no Auditorio de Galicia. Todas as entradas para estes pases están esgotadas.
Un espectáculo de encontros imposibles
Con Amoriños, Touriñán e Perdomo retoman a súa química escénica para mergullarse no territorio máis perigoso de todos: o amor. O espectáculo propón un desfile de citas tolas, paixóns imposibles e personaxes que nunca deberían xuntarse… pero fano igual. Un ‘First Dates’ á galega, con humor salvaxe, improvisación e ese toque emocional que converte cada pase nun encontro único co público.
Os dous artistas asinan tanto os textos como a dirección, acompañados polo asesoramento de Noemí Rodríguez e a produción de Laura Canto. O equipo técnico habitual das producións de Ainé completa unha proposta escénica coidada, dinámica e pensada para que cada función sexa diferente á anterior.
Amoriños continúa así unha xira marcada pola complicidade co público, que está a responder con entusiasmo en cada parada. Unha fin de semana máis para deixar que o humor faga o seu traballo sobre o escenario.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



