‘Somos Criminais e punto final’ xirará por última vez este outono
Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán despediranse do seu espectáculo máis exitoso o 1 de novembro na Coruña despois de visitar Santiago, Narón, Vigo e Vilagarcía. As entradas están xa á venda a través de www.somoscriminais.gal.
Somos Criminais xa ten datas para a súa derradeira xira. Logo de sete anos nos escenarios con tres espectáculos diferentes, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán percorrerán cinco teatros e auditorios por toda Galicia o próximo outono para despedir a proposta escénica que máis entradas foi quen de vender na historia do teatro galego.
Santiago (13 de setembro, Auditorio de Galicia), Narón (27 de setembro, Pazo da Cultura), Vigo (4 de outubro, Auditorio Mar de Vigo), Vilagarcía (25 de outubro, Auditorio Municipal), e A Coruña (1 de novembro, Palexco), serán as últimas oportunidades para subir á nave na que os cómicos pretenden levar a outro planeta o particular xeito de ser das e dos galegos.
Máis de 25.000 espectadores xa estiveron na primeira xira de Somos Criminais e punto final a finais do 2024, que percorreu todas as cidades de Galicia, e na que destacaron os oito cheos no Teatro Colón da Coruña. Agora, e pola importante demanda de entradas nalgunhas localidades, Carlos Blanco e Touriñán repetirán para que ninguén quede sen desfrutar do seu terceiro espectáculo xuntos. As entradas están xa á venda a través de www.somoscriminais.gal, con prezos de entre 15 e 20 euros.
Unha viaxe á fin do mundo
Falta pouco máis dunha hora para a fin do mundo. En Galicia, unha nave, a Arteixo II, está a piques de despegar cuns poucos elixidos a bordo en dirección a un planeta onde empezarán unha nova vida. Os capitáns da nave, Carlos Blanco e Touriñán, son os encargados de que a evacuación se leve a cabo con éxito e de meter nesta Arca de Noé galega todo o noso patrimonio humano, material e inmaterial máis prezado, para que a nova terra á que emigraremos siga sendo criminal.
José Prieto, xunto cos propios actores, son os autores da dramaturxia do espectáculo, que dirixe Tito Asorey. O espectáculo conta coa escenografía de Carlos Alonso, o deseño de iluminación de Dani Juncal, o deseño gráfico e de audiovisuais de Isa Vila ou as músicas de Santi Jul, coa dirección de produción de Paco Abelleira e Laura Canto.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



