Estreamos ‘O último home’, de Manuel Cortés
A Sala Ártika de Vigo acolle a estrea o 11 e 12 de xaneiro. Dirixido por Borja Fernández, este espectáculo creado e interpretado por Manuel Cortés e con música de Russ sitúanos ante a extinción da humanidade, mais faino desde a comedia e a poesía. As entradas para a estrea están á venda na web e na billeteira da Sala Ártika.
Rematamos moi contentos o 2024 pero xa estamos coa mente no 2025. Comezaremos o novo ano do mesmo xeito que acabamos o vello: nos teatros! Pasadas as festas, co comezo “real” do ano, a Sala Ártika de Vigo será o escenario no que estrearemos a nosa primeira produción do ano os días 11 e 12 de xaneiro. O último home é unha comedia poética, como lle gusta dicir ao seu creador, o actor, dramaturgo e guionista Manuel Cortés. En escena, Cortés estará acompañado pola dj e produtora Russ, quen xa traballaron xuntos en Códice K. A dirección é de Borja Fernández e o espazo escénico é obra de Carlos Alonso.
O último home sitúanos na extinción da humanidade. Unha soa persoa queda para facer balance do que fixemos —ou non fixemos— e como tendo todo a favor para gozar da nosa existencia no mundo, conseguimos levalo ao colapso. A pesar desta temática, o espectáculo fálanos desde a comedia e desde a poesía, armas útiles para sobrelevar as grandes catástrofes e, nesta obra, estamos diante da maior catástrofe posible.
Este novo proxecto de Ainé con Manuel Cortés conta coa axuda da Agadic a través do seu programa de Subvencións á Creación Escénica para a súa produción. Logo da súa estrea en Vigo, O último home sairá de xira por Galicia nos próximos meses.
Que é O último home?
O último home é unha comedia teatral a modo de recital poético. E viceversa. Sendo precisos, unha comedia poética. Un artefacto cómico-poético-teatral para un home actor/rapsoda e unha muller DJ/ambientadora sonora, sobre a idea da extinción da especie humana.
O último home expón, desde a evidencia, o feito de que unha soa persoa sobreviva ao resto. Sen traumas. Sen alarmas. E con humor, por suposto. Porque non deixa de ser cómico que tendo todo a favor para gozar do mundo, o vaiamos destruír sen reparar en que nós formamos parte del.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



