Xa está aquí un novo ano. Toca estrear calendarios e axendas, encherse de propósitos e botar a camiñar. Comeza 2018, un ano no que en Ainé Producións non faltará o que para nós é o mellor humor do mundo. Seguiremos traballando no audiovisual, na intensa tarefa da produción, pero tamén xunto aos nosos actores. Procuraremos medrar da man de empresas amigas coas que vimos colaborando desde hai anos, e por suposto: farémolo co noso compromiso de sempre coa cultura deste país.

Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco estrearán a finais de marzo un espectáculo conxunto.

Quedaron atrás os días dun intenso 2017. Están xa abertas as portas dun novo ano, ao que saudamos con centos de bos propósitos. Propuxémonos contarvos que pinta ten o noso 2018…

O humor en directo será un ano máis unha das nosas prioridades. Non haberá que esperar demasiado para coñecer novidades! Na primeira semana deste ano anunciarase o novo espectáculo de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, Somos Criminais, do que os propios actores xa quixeron avanzar algo nun vídeo que revolucionou as redes sociais. As primeiras funcións deste proxecto, no que participaremos xunto con Undodez e Condetrespés, están previstas para o mes de abril.

E haberá máis! Marcos Pereiro o anunciaba o pasado sábado en A Radio Conta: prepara novo espectáculo con Santi Romay e Oswaldo Digón. Máis comedia para o segundo trimestre do ano do que moi pronto haberá tamén noticias…

Federico Pérez prepara a súa participación nun novo espectáculo teatral, e Pepo Suevos rematará en xaneiro as funcións do espectáculo ‘Dous homes e un vespino’, xunto con Xosé A. Touriñán, dentro do ciclo de Monólogos R.

Todos eles completarán o 2018 con novas funcións dos seus respectivos monólogos, e por suposto pregóns nas grandes festas que, coa chegada do bo tempo, agardan por todo o país.

Falando de monólogos… 2018 será tamén o ano de incorporar unha voz feminina ao catálogo de espectáculos de Ainé. Carmen Méndez prepara o seu primeiro monólogo, dirixido por Oswaldo Digón, que nas últimas semanas do ano xa tivo ocasión de probar en diferentes escenarios. Promete!

Polo demais, os nosos actores seguirán na pequena pantalla con proxectos xa coñecidos e outros que non tardarán demasiado en ver a luz… Marcos Pereiro mirará de seguir poñendo orde como alcalde de Dorneda en Viradeira, unha serie na que tamén poderemos seguir a Pepo Suevos. O propio Pepo, xunto con Federico Pérez, non deixarán de visitar o Luar da Televisión de Galicia cada venres, e co paso dos meses coñeceremos novos proxectos de ficción nos que seguirán sorprendéndonos.

Xosé A. Touriñán seguirá no Land Rober, e en poucos meses teremos ata que cambiar de canle para seguilo no novo proxecto de Atresmedia: Fariña. Unha espectacular serie sobre o mundo do narcotráfico en Galicia, na que tamén estará Pepo Suevos.

E no 2018 seguiremos traballando no que máis nos gusta: a produción. Para programas de televisión, series, películas e publicidade. Farémolo pola nosa conta, pero por suposto da man de empresas amigas coas que vimos colaborando desde hai tempo.

Unha das grandes novidades que en poucos días poderemos anunciar será o nacemento dun grupo de empresas deste sector desde o que traballaremos xunto con outras empresas en proxectos comúns de contidos para publicidade, como axencia creativa.

Todo fai pensar que non nos imos aburrir…

Feliz 2018!