“Voute chamar Maureto: metade Mauro, metade Bebeto…”
Mónica e Sabela, as protagonistas do anuncio da campaña Imposible sen ti, que cada ano acompaña o percorrido ata o día do Deportivo – Celta, levan vendo xuntas o derbi toda a vida. Un bar de Mondoñedo, un loro e toda a paixón do mundo polas cores branquiazul e celeste son os ingredientes dunha historia de amistade e, por suposto, fútbol.

Tres anos despois, a aposta pola concordia para o derbi galego segue vixente. Desde hai dous anos grazas ao apoio de ABANCA, a marca encargada, xunto con Real Club Deportivo e Real Club de Celta, de continuar coa filosofía do Imposible sen ti, a campaña pensada por Tex45 Producións e os propios clubes para fomentar a rivalidade ben entendida entre afeccións con motivo da festa do noso fútbol.
Se o ano pasado os protagonistas eran Anxo e Roque, un pai e un fillo separados só polas cores dos seus equipos, desta volta a historia ten que ver coa particular relación entre Mónica e Sabela, dúas amigas de toda a vida que, por circunstancias, non teñen ocasión de verse demasiado ao longo do ano.
Sabela quedou en Mondoñedo rexentando o bar familiar mentres que Mónica marchou vivir a Vigo coa súa familia. Pero cada ano volve por cada derbi en Riazor ou Balaídos para compartir coa súa amiga a mellor das rivalidades. Hai algo diferente nesta ocasión, un acontecemento que fará se cadra máis emotivo o encontro das dúas amigas…
O anuncio foi gravado entre os meses de outubro e novembro en Mondoñedo, Martiñán (Vilalba), Mera (Oleiros), Vigo e A Zapateirao (Arteixo). Un equipo de case trinta persoas de Tex45 Producións e Ainé Producións participou no proxecto, dirixido por Andrés Mahía e coa dirección de fotografía a cargo de Lucía C. Pan. A música orixinal é obra de Manuel Riveiro, e Suso Montero foi o encargado da dirección de arte. En Mondoñedo, o bar O Porriño foi a localización escollida para a sorprendente reconversión do local no bar de Sabela, nomeado como A Cotorra.
NOTICIAS RELACIONADAS
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.


