Touriñán estrearase na ficción nacional en ‘Fariña’, a gran aposta de Antena 3 para a próxima temporada
O actor cullerdense será Paquito Charlín, un dos fillos dun dos narcos da historia baseada na novela homónima de Nacho Carretero, producida por Bambú Producciones para Atresmedia. Será o primeiro gran proxecto de Touriñán como actor fóra de Galicia, logo da ampla traxectoria que acumula en programas e series da TVG.

Touriñán dá un salto que non por agardado deixa de ser noticia. Fariña será o seu primeiro proxecto de ficción como actor fóra de Galicia, a primeira serie na que participará para unha canle de ámbito nacional. Unha historia baseada no libro de Nacho Carretero sobre o mundo do narcotráfico no noso país nos anos oitenta, protagonizada por Javier Rey, Tamar Novas, Fran Lareu, Cristina Iglesias e Chechu Salgado.
Os antigos traficantes de tabaco galegos deciden apostar por algo moito máis grande, máis lucrativo pero moito máis arriscado: o mundo da droga. En pouco tempo o 80% da cocaína que desembarca en Europa chega ás nosas costas, e os narcos amplían a súa influencia á sociedade, que diante de evidentes dificultades económicas entra nun perverso xogo no que uns poucos controlan unha impoñente maquinaria para facer cartos.
Unha historia non tan vella que en Galicia moitos viviron en primeira persoa, e que grazas á aposta de Bambú Producciones e Atresmedia coñecerán con todo luxo de detalles os espectadores de Antena 3 a partir do próximo outono no resto de España.
Touriñán, no papel de Paquito Charlín
Paquito Charlín, un dos fillos dun dos grandes narcos, será o papel que interpretará Xosé A. Touriñán en Fariña. Na serie, que se rodará integramente en Galicia, intervirán ademais outros tantos actores galegos como Carlos Blanco ou Antonio Durán Morris.
Nunha rolda de prensa celebrada onte en Santiago de Compostela, Ramón Campos, produtor da serie, explicou que están previstos dez capítulos nunha primeira temporada, que poderán ser dez máis se os datos de audiencia son satisfactorios.
Touriñán compaxinará nos próximos meses as xornadas de gravación de Fariña con outros tantos proxectos, tanto na Televisión de Galicia como de humor en directo nos escenarios de diferentes localidades do noso país.

NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo suma novas paradas na súa xira de primavera, incluíndo no percorrido a Vilagarcía, Santiago, Ourense, Cee e Narón.
Xosé A. Touriñán inicia este venres o percorrido estatal do seu monólogo
O cómico actúa esta semana no Teatro Arlequín Gran Vía, primeira parada dunha serie de funcións que o levarán tamén por Bilbao, Barcelona e Oviedo nos próximos meses.
‘Amoriños’ prepárase para unha primavera de amor sobre as táboas
Tras unha primeira xira con funcións esgotadas, Touriñán e Perdomo regresarán no mes de marzo coa súa última proposta, un espectáculo de citas tolas, improvisación e moito corazón.


