O actor mazaricano roda en Madrid desde hai xa varios meses unha das grandes apostas de ficción de Atresmedia para a próxima temporada. Interpreta ao tenente médico Guillermo nunha historia que conta como un grupo de enfermeiras aristócratas deixan unha vida de comodidades para desprazarse ata o norte de África a atender aos militares derrotados na Batalla de Annual.
A nova temporada televisiva será a do desembarco dos actores galegos na ficción nacional. A consolidada aposta de Antena 3 por Bambú Producciones para o desenvolvemento dalgúns dos seus grandes proxectos no que a series se refire terá a partir de setembro dous títulos protagonistas: Fariña e Tiempos de Guerra, e sobre todo, moitos nomes propios.
En Fariña, entre tantos outros, os de Xosé A. Touriñán e Pepo Suevos, e en Tiempos de Guerra o de Federico Pérez, que logo de participar na última década en diferentes episodios de coñecidas series de Telecinco ou TVE forma parte por primeira vez do elenco fixo dunha produción de ficción para a súa emisión en todo o Estado.
Guillermo, un tenente médico do exército español, é o papel encargado ao actor mazaricano na serie, dirixida por David Pinillos, e que conta cun sensacional equipo actoral encabezado por Alicia Borrachero, no que entre outros nomes figuran os de José Sacristán, Amaia Salamanca, Álex García ou Verónica Sánchez.
Unha historia na guerra de Marrocos
22 de xullo de 1921. A Batalla de Annual (Marrocos) convértese nunha das máis importantes derrotas militares do exército español. É tal a cantidade de soldados feridos que os hospitais non dan para máis, e a Raiña decide intervir.
Un grupo de señoritas enfermeiras da alta aristocracia nacional abandonan unha vida de luxos para cumprir co seu deber: salvar vidas. Todas agás unha, Julia.
Desesperada pola falta de noticias do seu mozo e prometido, Julia embarca cara Melilla sen titulación, sen pasaxe e sen que a súa familia o saiba. Todo coa esperanza de atopar ao seu irmán e ao seu prometido con vida.
E non lle agarda un camiño doado… As rapazas aristócratas terán que adaptarse rapidamente aos mecanismos da guerra, ás loitas dentro do hospital, e ás diferenzas de clase social, mentres amosan a súa valía salvando a vida dos soldados feridos nos combates.
Unha ampla traxectoria en televisión
Federico Pérez é un dos actores galegos de maior relevancia na actualidade. As súa participación en dous dos proxectos máis exitosos da Televisión de Galicia nos últimos anos, como foron Padre Casares e Era Visto!, dérono a coñecer entre o gran público.
No seu currículo, Federico suma participacións en máis de quince series e tamén en varias películas, traballos que ao longo da súa carreira complementou con proxectos de humor en directo e de teatro.