O emotivo final da xira de ‘Agora en serio’
Touriñán e Marcos Pereiro remataron a derradeira función da xira, no auditorio coruñés do Ágora, rodeados por primeira vez de todas as irmás de Mucha e Nucha. De todas… menos de Carmucha.

O auditorio do Ágora, na Coruña, acolleu o pasado sábado as derradeiras funcións de Agora en serio, o espectáculo co que Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán celebran desde principios de maio o seu quince aniversario como dúo cómico. Un texto teatral dirixido por Evaristo Calvo e Manolo Cortés co que foron quen de encher teatros e auditorios en Noia, Lugo, Cangas, Pontevedra, O Carballiño, Santiago, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
O éxito de público do espectáculo provocou que para a función da Coruña tiveran que ser dúas as funcións programadas, ás 19.00 e ás 21.00, aínda que esta última non foi igual que todas as anteriores…
Sen que Mucha e Nucha souberan nada, unha a unha foron saíndo ao escenario as súas irmás: Pepucha (Pepo Suevos), Lucha (Federico Pérez), Gelucha (Jaime Reimúndez, amigo da infancia de Touriñán e Marcos Pereiro, que acompañou aos actores en boa parte das súas actuacións nos seus inicios), Chucha e Milucha (Javi Lopa e Álvaro Pérez Becerra, de Ainé Producións), Pacucha e Pestrucha (parellas de Pereiro e Touriñán), Manucha (Manolo Pereiro, pai de Marcos), e Pilucha (o avó de Touriñán). Quedaba unha sorpresa, e é que tamén saiu Pablucha (Manuel Pablo, o xogador do Deportivo), que avisou aos asistentes de que, unha vez máis, Carmucha non podía estar.
E ‘As Fillas da Conexa’ volveu soar…
Para poñer o punto e final á sorpresa quedaba unha cousa máis: cando Mucha e Nucha propuxeron rematar a función cantando unha canción moderna, Pepucha (Pepo Suevos) interrumpiu dando paso a un acordeonista que se achegou ao escenario interpretando a melodía dunha canción coñecida por todas as irmás. Era ‘As Fillas da Conexa’, que remataron cantando todas, e tamén o público, para despedir unha xira para o recordo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.


