Somos Criminais volve ao teatro na Coruña polo Nadal
Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán preparan unha función especial do seu espectáculo máis exitoso, que chegará ao auditorio de Palexco os días 26 e 27 de decembro, onde se coidará do cumprimento de todas as medidas sanitarias. As entradas xa están á venda en Ataquilla.

A cultura segura ábrese camiño polo Nadal en Galicia. Logo de varios meses nos que as restricións pola crise sanitaria complicaron a representación dos espectáculos máis agardados polo público no noso país, o mundo do teatro estrea novas normas sobre os aforos neste mes de decembro.
As novas medidas permitirán acoller ata 500 ou 250 persoas nos grandes teatros e auditorios galegos, en función da situación sanitaria de cada localidade. E será na Coruña onde Carlos Blanco e Touriñán subirán por primeira vez ás táboas desde marzo: o 26 e o 27 de decembro, en dobre función diaria, con Somos Criminais.
O auditorio de Palexco acollerá o espectáculo, cun aforo limitado e todas as medidas sanitarias previstas no relativo ás distancias de seguridade, o emprego das máscaras ou o acceso ordenado á sala. As xa están á venda en Ataquilla.
Carlos Blanco e Touriñán preparan durante estas semanas unha función que se vestirá de Nadal, pero que conservará os sketches que hai dous anos convertiron a obra escrita por José L. Prieto e dirixida por Tito Asorey na máis exitosa da historia do teatro en Galicia, por número de entradas vendidas (máis de 60.000).
As funcións aprazadas, pendentes dos aforos
Somos Criminais será a primeira oportunidade para gozar cun espectáculo de comedia en directo con Carlos Blanco e Touriñán neste ano. No mes de marzo aprazouse a xira prevista de Unha noite na praia, que aínda ten pendentes as súas datas definitivas en función da evolución das medidas sobre os aforos nos teatros galegos.
Touriñán tivo tamén que aprazar as funcións de Fariña previstas para novembro e decembro na Coruña e Pontevedra, cando as limitacións da Xunta de Galicia reduciron a 30 persoas o aforo máximo nos teatros de todo o país.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


