‘Somos Criminais’ é xa o espectáculo con máis entradas vendidas da historia do teatro en Galicia
Touriñán e Carlos Blanco valoraron esta mañá nunha rolda de prensa no Teatro Colón da Coruña o que supón un fito sen precedentes na dramaturxia do noso país. Somos Criminais superou esta semana as 50.000 localidades vendidas, só nove meses despois da estrea, o pasado 31 de marzo na Illa de Arousa.

O resumo de Carlos Blanco non podía ser máis visual: “Cos espectadores de Somos Criminais poderíamos encher Riazor e Balaídos á vez”. O actor arousán e o cullerdense Xosé A. Touriñán compartiron esta mañá rolda de prensa no teatro Colón da Coruña para anunciar que o seu espectáculo é xa o máis exitoso da historia do teatro galego. Ao menos en número de entradas vendidas, máis de 50.000. Cifras de record que o son máis tendo en conta que o espectáculo aínda cumprirá un ano a finais do mes de marzo.
Desde a estrea na Illa de Arousa hai nove meses, Touriñán e Blanco pasaron polas sete cidades galegas e outras tantas vilas, programando dúas, tres, catro e ata seis funcións nunha mesma fin de semana, colgando o cartel de ‘entradas esgotadas’ en todas e cada unha delas. No mes de xaneiro rematan a segunda xira na Coruña (seis funcións, do 11 ao 13 de xaneiro), Ourense (18 e 19 de xaneiro) e Narón (25 e 26 de xaneiro). Despois, segundo declararon esta mesma mañá “tocará atender a outros proxectos, sobre todo compromisos relacionados co audiovisual, sen descartar volver con este espectáculo nalgún momento”.
Touriñán e Carlos Blanco agradeceron “a inmensa mostra de cariño do público, desprazándose en moitos casos desde lonxe para estar no espectáculo”. Do mesmo xeito, aseguraron sentirse absolutamente sorprendidos e emocionados por datos que nin por asomo sospeitaban ao inicio da xira. “É un desgaste importante, facer dúas funcións nunha mesma tarde non é doado, é un gran esforzo que en cambio se compensa vendo a reacción do público”, aseguraron.
“Que a xente veña ao teatro para divertirse”
Os protagonistas de Somos Criminais quixeron facer tamén unha valoración sobre o estado do teatro galego na actualidade, e do seu futuro. “Xa pasaron os tempos nos que ao teatro galego o mandaban ao auditorio pequeno dun barrio e ao Colón viñan as compañías de Madrid, agora somos nós os que enchemos, con teatro galego, seis veces nunha fin de semana o Colón” -apuntou Carlos Blanco. Touriñán referiuse tamén á importancia de que o teatro sexa entendido pola xente como un plan máis de lecer, “como ir ao fútbol ou a un concerto”. “Ao teatro hai que vir para pasalo ben, e quen proba sabe que se pasa ben, e que é unha experiencia marabillosa” -dixo.
As entradas para as últimas funcións da segunda xira pódense adquirir a través de www.somoscriminais.gal, onde tamén se poden consultar as datas e horarios programados para as citas con Somos Criminais na Coruña, Ourense e Narón.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán celebra o día dos namorados cunha función do seu monólogo en Madrid
Este sábado, Xosé A. Touriñán regresa ao Teatro Arlequín de Madrid cunha nova función do seu monólogo, dentro dunha xira estatal que percorrerá distintas cidades máis alá das nosas fronteiras.
Monólogo de Xosé A. Touriñán
Un monólogo que viaxará por todo o Estado, no que Xosé A. Touriñán mestura humor e experiencia vital para conectar co público desde a proximidade.
‘Territorio Regueifa’ presentouse onte en Carballo como un soño que chega ao escenario
A estrea absoluta de ‘Territorio Regueifa’, este venres 6 de febreiro no Pazo da Cultura de Carballo, foi presentada nunha rolda de prensa que puxo o foco na importancia de levar a regueifa ao teatro e de reivindicala como arte viva.


