‘Somos Criminais’ chega de novo aos teatros das grandes cidades
O espectáculo de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, co que xa gozaron ao redor de 40.000 espectadores este ano, ten programadas funcións en Pontevedra, Ferrol, Lugo, Santiago, Cangas, Vigo, A Coruña, Ourense e Narón ata mediados do mes de xaneiro.

A segunda xira de ‘Somos Criminais’ segue o seu curso. Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán comezan o percorrido polas grandes cidades logo de encher os teatros e auditorios de Vilagarcía, Noia, Negreira e As Pontes nas últimas semanas, nalgúns casos ata en dobres funcións.
A venda de entradas nos espazos dos grandes núcleos de poboación do país avanza a bo ritmo, e en localidades como en Pontevedra están previstas tres funcións (en novembro, o sábado 2 -18.00 e 20.30- e domingo 3 -18.00-). En Vigo comezou hai poucos días a venda da terceira función para a fin de semana do 7 e o 8 de decembro, e en Compostela serán tamén tres as representacións. Ferrol, Lugo e Cangas completan o programa no que queda de ano, e xa no mes de xaneiro a xira rematará na Coruña, Ourense e Narón, funcións para as que as entradas non están polo momento á venda.
En ‘Somos Criminais’ os actores e cómicos Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán analizan unha suposta cultura criminal propia en Galicia, que se manifesta nun xeito diferente de delinquir. En oitenta minutos de espectáculo analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá gaña o Premio Martín Códax da Música na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena
A banda ourensá vén de ser recoñecida na XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, nun momento marcado polo regreso aos escenarios coa proposta ‘LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!’.
‘Amoriños’ despídese na Coruña cunha intensa fin de semana de seis funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo chega ao seu gran peche de xira no Teatro Colón. Entre o 5 e o 7 de xuño ofrecerán seis funcións, das que só queda dispoñibilidade para a derradeira sesión do domingo ás 20.30.
‘Amoriños’ encara a súa recta final cunha intensa fin de semana en Pontevedra
O espectáculo de Touriñán e Perdomo entra no último tramo da súa xira de primavera tras máis de dous meses de funcións por Galicia.


