‘Somos Criminais 3’ chega ao mes final da súa xira
Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán afrontan o último mes da xira de Somos Criminais 3. Coas entradas para Vilagarcía de Arousa e Cangas a piques de esgotarse, o espectáculo camiña cara os 25.000 espectadores.

Comeza o mes de febreiro e con el tamén a última etapa desta viaxe inicial de Somos Criminais 3. Logo de máis de 30 funcións desde o arranque no mes de decembro, máis de 22.000 persoas xa desfrutaron do espectáculo. Vilagarcía de Arousa é a seguinte parada e quedan moi poucas entradas dispoñibles para as catro funcións que terán lugar os días 4 e 5 no Auditorio Municipal.
Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán viaxarán logo a Cangas e Ferrol, os días 12 e 20 respectivamente. Serán case 40 funcións en algo menos de 3 meses dun espectáculo que xerou grande expectación desde o seu inicio. Os dous cómicos presentaron a principios de novembro este novo espectáculo conxunto que encheu practicamente todas as funcións ata o momento.
Para Xosé A. Touriñán, a idea de Somos Criminais 3 “é entreter e facer esquecer a realidade durante unha hora e media, que ría a xente e que tamén o fagamos nós”. Estes meses de xira, reafírmannos nesa visión, con teatros das vilas e cidades galegas cheos de xente desfrutando do talento destes dous grandes do humor. Con febreiro remata esta xira inicial á que agardamos poder confirmar novas datas proximamente.
Os domingos temos unha cita cos Catro Gatos
Os domingos pola tarde Xosé A. Touriñán, Fátima Pego, Noemi Rodríguez e David Perdomo xúntanse para falar da vida e, sobre todo, para rir neste novo programa. Catro Gatos é un formato que mestura a tertulia humorística cos sketchs, no que os protagonistas xogan nun cómico equilibrio entre vida real e personaxe.
A previa dos programas vívese nas redes sociais, onde os protagonistas quedan en directo minutos antes da emisión para adiantar o que vai vir. Nas redes sociais de Catro Gatos tedes toda a información, avances e outras sorpresas. Tamén están dispoñibles á carta os programas na web da Televisión de Galicia.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.


