O espectáculo de Bibopalula segue a xira esta fin de semana en Pontevedra e Vilalba
O primeiro musical infantil en galego reuniu a pasada fin de semana a máis dun milleiro de espectadoras e espectadores na Coruña e Santiago.
A caravana do espectáculo infantil de Bibopalula bótase ás estradas galegas despois da estrea da pasada fin de semana. Pontevedra (sábado 14, 17.30 horas, Auditorio Sede Afundación) e Vilalba (domingo 15, 17.00 horas, Auditorio Carmen Estévez) acollerán dúas novas representacións da proposta dirixida por Marta Lado e protagonizada por Lidia Veiga, coa que a serie da televisión de Galicia dá o salto aos escenarios este mes de xuño.
A venda de entradas avanza a bo ritmo para os dous pases desta fin de semana, logo do éxito colleitado polo espectáculo na súa estrea: centos de nenas e nenos da Rianxo -onde tivo lugar a preestrea-, A Coruña e Santiago xa coñecen á Banda do Bosque e a Ava, a experta exploradora de paxaros á que interpreta Lidia Veiga-. Nas primeiras representacións as cativas e cativos asistentes estrearon á saída o io-io personalizado de Bibopalula, así como un xogo baseado na obra da que acababan de desfrutar, entre outras sorpresas que completan toda unha experiencia nos teatros para o público infantil.
De xira todas as fines de semana de xuño
No que queda de mes o espectáculo visitará, ademais de Pontevedra e Vilalba, Verín (21 de xuño), Vigo (22 de xuño), Cee (28 de xuño) e Ourense (29 de xuño). As entradas poden mercarse en www.bibopalula.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



